REPORTAXE

A viaxe da Arca da Noe, música, viños e amigos no rural limiá

arca6_result
photo_camera Asistentes a un dos concertos programados pola Arca da Noe.

Por este pequeno bar xa teñen pasado máis de 200 artistas, algúns de recoñecido prestixio internacional como Ken Stringfellow, integrante dos lexendarios R.E.M. e The Posies

Non é un simple bar de aldea, aínda que externamente poida chegar a parecelo. Mellor dito, e como o seu propio nome indica, é unha vella arca comandada por unha rapaza embarcada nunha decidida aposta polo rural. Nada máis cruzar a porta vante recibir cun sorriso e queiras ou non acabarán por presentarte aos compañeiros de barra. Porque ese é un dos propósitos da súa capitana, criar a máis tupida rede social na súa contorna e fóra dela, e da maneira máis tradicional posíbel: de fronte. No seu interior, un pequeno escenario, unha biblioteca ou unha exposición  fan pensar que á Arca da Noe se ven a algo máis do que a tomar un viño. 

E se o "caldo" se demora no tempo, ou te obrigan a repetir a golpe de sábado pola tarde, acabarás cantaruxando sen querer na viaxe de volta "Oh, Laurindinha", éxito vespertino e sabatino dalgunha das aulas de pandeireta que se imparten alí para os miúdos. Deixan de soar os coiros e pode que comencen as probas de son dun chelo, un violino, un ukelele ou até a gorxa dun catalán capaz de presentar un novedoso espectáculo  -Phono sonus por se lles interesa-. Por alí ten pasado una multitude de artistas chegados dos cinco continentes, a razón duns 80 por ano, e dos que a maioría reclama poder estar neste espazo, aínda que os seus honorarios se vexan reducidos á cesta que despois da actuación se pasa entre o público colaborador; mesmo algúns, cun pasado lexendario en bandas, como o norteamericano Ken Stringfellow, que no seu haber rexistra varios elepés gravados cos R.E.M. E é que ese lugar se converteu en referencia obrigada para aqueles que, na fin de semana, apostan pola cultura nas súas múltiples presentacións. 

Te puede interesar