ORZAMENTOS

Vilar de Santos destinará un 40% do orzamento a inversións

O goberno local manexará durante este ano 1.020.000 euros, un 30% máis que o ano pasado

O rexedor local de Vilar de Santos, Xan Jardón.
O rexedor local de Vilar de Santos, Xan Jardón.
Vilar de Santos destinará un 40% do orzamento a inversións

A corporación municipal de Vilar de Santos aprobou no pleno ordinario deste mes de febreiro un orzamento de 1.020.000 euros para xestionar o presente exercicio económico. Esta cifra supón un incremento do 30 por cento con respecto ao elaborado para o pasado ano 2017.

Segundo sinalou o rexedor local, Xan Jardón, "estes orzamentos son un reflexo das nosas prioridades e indicativos da excelencia e boa xestión levada a cabo no Concello, con planificación, con servizos públicos de calidade e eficientes, e acometendo os investimentos necesarios para o desenvolvemento en Vilar de Santos".

Falando de cifras, o gasto de persoal do Concello supón un 36 por cento do presuposto, é dicir, 329.450 euros. Con esta cantidade, a entidade xestiona directamente tódolos servizos municipais para atender as novas necesidades xurdidas, e reforzar a atención dos servizos sociais comunitarios e outros como a Escola Infantil. Os gastos correntes significan o 21,9 por cento, 224.290 euros. Esta cifra reduciuse nun 3,8 por cento con respecto ao pasado 2017, feito acadado, según fontes municipais, "grazas ao control e racionalización do gasto".

Por outra banda, o goberno local fortaleceu o investimento produtivo. Neste senso, incrementouse nun 73 por cento a partida adicada a inversións públicas. En total, 411.917 euros, o 40 por cento do orzamento, irán destinados a consolidar e financiar novos proxectos para o municipio.

Ademais, as taxas e impostos municipais para 2018 permanecerán conxelados do mesmo xeito que aconteceu durante os pasados 2015, 2016, e 2017. Segundo sinalan dende a administración local, os posibles aumentos nos custes dos servizos non serán repercutidos aos veciños e serán asumidos polo Concello. Por outra banda, a entidade introduciu modificacións na Ordenanza Fiscal Reguladora do Imposto Sobre Bens Inmobles, así como no de Construccións, Instalacións e Obras, e na Ordenanza Reguladora do Imposto Sobre Actividades Económicas, fixando bonificacións de ata o 95 por cento para novos proxectos ou ampliacións dos existentes, que vai a permitir a adhesión de Vilar de Santos á iniciativa "Concellos Doing Business Galicia".