MELLORAS

Vilar de Santos investirá máis de 200.000 euros nas súas rúas

<p></p>
photo_camera A rúa da Saínza será unha das beneficiadas con esta actuación.

A actuación está incluida nun proxecto pioneiro que ten como obxectivo rehabilitar varios espazos

O Concello de Vilar de Santos mellorará e humanizará a rúa da Saínza, a do Forno e o Pasadizo, incluidas na Área de Rehabilitación -ARI- da localidade. Neste senso, o ente local investirá 215.000 euros para abordar estas obras que forman parte dun proxecto pioneiro e único para unha localidade rural dentro da provincia de Ourense. O plan ten como obxectivo delimitar un ámbito e prioridades á hora de facer rehabilitacións, e nel están incluidas vivendas, construcións complementarias, equipamentos, rúas e espazos públicos.

Os traballos incluidos neste proxecto concreto de humanización consistirán na renovación da rede de saneamento de augas residuais e tamén de pluviais que, actualmente, presentan deficiencias. Tamén se cambiará o sistema de abastecemento de auga potable existente con novas canalizacións, válvulas e acometidas.

Por outra banda, executaranse os traballos de soterramento das liñas eléctricas de baixa tensión da zona de actuación, desmontando varios tramos aéreos e instalando as novas liñas en canalizacións subterráneas.Ademais, farase o mesmo coa iluminación pública no entorno da obra, instalando novas luminarias de tipo LED. O mesmo acontecerá coas liñas de telefonía, cunha ubicación de novas canalizacións subterráneas e, para finalizar, procederase cos novos pavimentos, que combinarán o formigón con zonas de lastras de pedra e granito.

Esta actuación constitúe a primeira fase do proxecto de mellora xeral no resto das rúas e espazos que conforman a Área de Rehabilitación Integral de Vilar de Santos e o seu investimento significa, tal e como explica o rexedor local, "continuar co proceso iniciado na primeira fase da ARI culminada no ano 2015 e baixo iniciativas pública e privada". Xan Jardón matizou que, para o seu grupo de goberno, se trata "dunha aposta de futuro máis, froito do esforzo, do traballo e da planificación. É, sobre todo, a culminación dun proxecto colectivo no que participamos todos para poñer en marcha iniciativas que garantan a calidade de vida e o benestar dos veciños e veciñas".

Para o Concello limiao promover proxectos de recuperación e rehabilitación ten sido un dos seus principais obxectivos.

Te puede interesar