A LIMIA

O Viso empezou coa axuda a domicilio e o acompañamento

"A vida é así, e hai que ensinarlla tamén aos nenos, cando un vello falta hai que contarllo, explica Toño, un voluntario."

Desde O Viso tratan de romper con esa visión do mundo. Por iso preferiron a casa comunitaria a unha residencia de anciáns. Por iso a comida é compartida, e nenos e maiores conviven no entorno do campo da festa, tamén os animais. Na vivenda comunitaria, que abriu no 2002, teñen lista de espera.

Mari Carmen, de 95 anos, leva case oito na casa, naceu en Soria, casou en Bilbao cun rapaz de Viladerrei que traballou como porteiro, volveron xa xubilados e cando el morreu, empezou a vivir en Lodoselo. "Aquí estoy muy bien, pero Bilbao... qué bonita". Encarnación é de Cortegada, tamén ten 95 anos, pero a familia está cerca, como a de Cristalina, en Vilasantos.

O Viso forma parte da rede Coceder, que agrupa a 90 asociacións de desenvolvemento rural en España.

A vivenda foi unha consecuencia da primeira intervención social que fixeron desde O Viso. Nos anos noventa empezaron coa axuda a domicilio, logo veu o servizo de comedor e máis adiante o acompañamento. "Pero chega un momento en que os vellos xa non poden quedar sós na casa", sinala Toño, "o que tratamos é de que non perdan de todo esa referencia, o fogar. E, ao mesmo tempo, os maiores se converten en referencia para os novos".

En Lodoselo, o tanatorio, ao lado da vivenda, está inda sen estrear. "Pasará e reunirase a xente no velorio, e haberá conversas entre os que veñan e os residentes. É a vida, e así hai que ensinarlla tamén aos nenos, cando un vello falta hai que contarllo".

Te puede interesar