AXUDA | EMPREGO

O Viso iniciará en Xinzo unha nova edición do proxecto “Reinvéntate"

esta iniciativa ten como finalidade axudar ás persoas desempregadas que queiran mellorar a súa forma de busca

O Viso iniciará en Xinzo unha nova edición do proxecto “Reinvéntate"

O Centro de Desenvolvemento Rural O Viso anuncia unha nova edición do Proxecto Reinvéntate "animación sociolaboral en grupo". A iniciativa dará comezo o  próximo día 17 de xaneiro na Casa de Cultura de Xinzo. Dende a organización explican que se a iniciativa contase cunha boa acollida entre as persoas participantes, o programa tería continuidade ao longo do primeiro semestre deste ano en forma de encontros os primeiros martes e mércores de cada mes.

O proxecto sae do Programa Ruralempréga-T, no cal se trata de facilitar orientación e mediación laboral ás persoas en risco de exclusión social e que está subvencionado pola Consellería de Política Social. As persoas que participen no proxecto serán acollidas e asesoradas polo centro, onde se analizará o seu nivel de empregabilidade e se deseñará un plan individualizado formativo ou de busca de emprego. Dende a organización acompañarán aos participantes durante todo o proceso e mediarán laboralmente coas ofertas de emprego axeitadas para cada perfil. Todo o proceso queda suxeito a unha valoración e avaliación e, no caso de non obter resultados satisfactorios, volveríase iniciar de novo  o camiño.

Esta iniciativa vai destinada a aquelas persoas que queiran mellorar a súa forma de búsqueda de emprego. Para acceder ao programa, deberase realizar unha inscrición previa a través dos diferentes medios de contacto da organización.