educación

O Viso pon en marcha un novo programa de Educación Familiar nos pobos do rural

O programa foi implantado a través da Confederación de Centros de Desenvolvemento Rural e financiado pola Consellería de Política Social

O Centro de Desenvolvemento Rural (CDR) O Viso poñerá en marcha, durante este mes de novembro, unha nova edición do seu programa de Educación Infantil Familiar que terá lugar en distintos puntos da comarca da Limia e nalgúns concellos da de Monterrei. 

Esta iniciativa pasa por establecer unha serie de lugares de reunión no ámbito rural nos que nenos e nenas poidan relacionarse con semellantes, xogar, descubrir e comunicarse entre eles ao tempo que os seus pais, nais, avós e avoas comparten reflexións sobre temas de educación e crianza dos cativos. 

O programa foi implantado a través da Confederación de Centros de Desenvolvemento Rural (Coceder) e financiado pola Consellería de Política Social. Dende o 2015 participaron nel máis de 200 persoas: familias con fillas e fillos de entre cero e seis anos, que asistiron semanal ou quincenalmente a estes puntos de encontro nas aldeas das comarcas da Limia e Monterrei. 

Tal e como explican dende o CDR de Lodoselo, o programa de Educación Infantil Familiar favorece a igualdade de oportunidades das persoas que viven no rural e que, en moitos casos, non contan con servizos educativos para a franxa de idade comprendida entre cero e tres anos. No caso de sí contar con esta prestación, o obxectivo deste programa non é outro que o de reforzar o papel da familia como principal axente educador. 

Dende o Centro de Lodoselo precisan que a intención é facer un enfoque dende a perpectiva da parentalidade positiva, para que os cativos tamén obteñan das raíces familiares e non so doutras institucións parte da súa educación e coñecementos. 

Te puede interesar