POLÍTICA- A LIMIA

XA acusa ao PP local de non ter respeto polos edís

Dende a formación da oposición manifestan que "non é de recibo que, como edís, nos enteremos de que vai a haber un pleno extraordinario para a elección de alcalde a través dos medios de comunicación e recibamos a convocatoria do mesmo só catro horas antes da súa celebración".

XA acusa ao PP local de non ter respeto polos edís

O grupo municipal Xinzo Adiante (XA) rexistrou unha queixa formal nas dependencias municipais na que puxo de manifesto que "o grupo de goberno non gardou o mínimo respecto institucional que, como concelleiros e concelleiras desta Corporación, merecemos os 17 representantes da cidadanía". 

Dende a formación da oposición manifestan que "non é de recibo que, como edís, nos enteremos de que vai a haber un pleno extraordinario para a elección de alcalde a través dos medios de comunicación e recibamos a convocatoria do mesmo só catro horas antes da súa celebración". 

Por outra banda, aseguran que antes de recibir a citación para a investidura, o mesmo día ó redor das 11,30 horas e dende o servizo de comunicación do Concello, informouse aos medios de comunicación de que, ó día seguinte, habería outro pleno para nomear ás tenentes de alcalde e reorganizar o grupo do PP. Sen ter nin sequera a convocatoria formal do pleno para elección de alcalde, os medios de comunicación xa tiñan constancia do seguinte pleno a celebrar o xoves 23 de agosto. 

Dende XA reclaman que "todos os representantes da cidadanía de Xinzo temos os mesmos dereitos e merecemos un mínimo respeto institucional que o grupo do PP non gardou con nós". Na queixa formal subliñan que os concelleiros do PP "teñen unha maioría absoluta grazas aos 2.675 votos que obtiveron nas eleccións municipais. A oposición acadou 3.049 apoios. Por moito que a vostedes lles corresponda gobernar e marcar os tempos desta Corporación, os representantes das 3.049 persoas que non lles votaron a vostedes merecemos un trato respectuoso en canto ás formas". O grupo municipal solicitoulle a Cabas "que non se volva a producir outra situación como esta, que non se informe á prensa antes dos propios concelleiros e que éstes sexan coñecedores das reunións coa suficiente  antelación".