FORMACIÓN - MÚSICA

Xinzo acollerá a segunda edición do seu curso para director de banda

Terá ponentes internacionais de primeiro nivel como o director de orquestra Nigel Douglas Bostok

Xinzo acollerá a segunda edición do seu curso para director de banda

Xinzo de Limia volverá acoller, por segundo ano consecutivo, un curso oficial da Universidade Nacional de Educación a Distancia. Trátase do Curso de Iniciación á Dirección de Banda de Música, que este mes de outubro inicia a súa segunda edición na Escola Galega de Dirección de banda da capital limiá.

A actividade formativa será de carácter presencial e se desenvolverá entre os días 12 de outubro de 2018 e 10 de marzo de 2019. Cun total de 70 horas lectivas, o curso engloba as técnicas de estudo, análise e orquestación con diferentes profesores especialistas na materia. 

O obxectivo principal desta formación é fomentar o estudo da dirección orquestral, ademáis de ofrecer recursos técnicos e artísticos para o desenvolvemento da condución de grupos instrumentais.

O curso estará ademáis recoñecido con 2 créditos ECTS e 4 créditos de libre configuración. O coordinador será o director José Luís Tielas Santiago, quen ademáis coordina a Escola Galega de Dirección de Banda e está dirixido a músicos de calquera especialidade instrumental en posesión do Grao Profesional de Música ou unha titulación equivalente.

Ademáis de contar con profesorado de primeiro nivel procedente de diferentes conservatorios profesionais de Galicia, esta edición contará tamén con prestixiosos ponentes internacionais como o director de orquestra Nigel Douglas Bostok; o profesor do Instituto Superiore Europeo Bandístico (ISEB) de Trento (Italia), Andrea Loss; ou o profesor de Dirección de Orquestra de Vento no Conser vatorio de Maastricht (Holanda), Jan Cober. 

Xinzo de Limia consolídase así como sede dun dos cursos de formación musical superior máis importantes deste país.