POLÍTICA LOCAL

Xinzo Adiante aconsella dimitir ao PP local polo seu "desgoberno"

XINZO DE LIMIA (PRAZA MAIOR). 20/08/2018. OURENSE. Retrato de Manuel Pérez Campos, concelleiro de Xinzo Adiante en el concello de Xinzo de Limia. FOTO: ÓSCAR PINAL.
photo_camera Manuel Pérez Campos, de XA.

Xa lamenta que o pobo teña que aguantar "un PP desnortado e roto polas loitas internas"

Mediante un comunicado, o grupo Xinzo Adiante -XA- ven de criticar "o espectáculo lamentable e bochornoso" protagonizado polo PP local que está padecendo a cidadanía da vila. A formación limiá asegura que Manuel Casas dimitiu "cansado de ser unha marioneta" e critica que o seu sucesor, Manuel Cabas, "autoproclamouse alcalde" sen contar coa aprobación da totalidade do seu grupo: "Algúns deles negaron ter falado con el e moito menos apoialo, tal e como contaron os medios de comunicación", din dende XA. "Mentres o Concello segue descabezado, os edís do grupo de goberno dedícanse a pelexar entre eles", apuntan. 

Do mesmo xeito que fixeron os seus compañeiros na oposición, Xinzo Adiante acusa ao ex rexedor, Antonio Pérez, de seguir condicionando a vida política limiá. "Lamentamos que unha formación política como o PP, co peso que ten no Concello de Xinzo, siga sendo dirixida por xente que, a día de hoxe, non son militantes por estar inhabilitados, e que os seus superiores o sigan permitindo". 

Xinzo Adiante lamenta que o pobo "teña que aguantar unha situación que non merece, cun PP desnortado e roto polas loitas internas, que sumiu o Concello no caos e o desgoberno" e aconsella aos edís "que deixen de comportarse como nenos e, se non son quen de gobernar, presenten a súa dimisión".

Te puede interesar