Xinzo busca espazo para o Museo Carlos Casares

O alcalde mantivo unha reunión con membros da Fundación do escritor 

O Concello de Xinzo está a traballar na procura dunha sede para o futuro Museo Carlos Casares, no que se custodie todo o legado do escritor limiá. Así o recoñeceu o alcalde de Xinzo, Antonio Pérez, que mantivo unha reunión con representantes da Fundación Carlos Casares, na que analizaron tamén o amplo programa de actividades que se desenvolverá ao longo de 2017 en homenaxe ao escritor limiá, a quen se lle adica e o día das Letras Galegas. Á reunión co alcalde de Xinzo asistieron o presidente do padroado da Fundación, Javier Casares; o administrador, Hakan Casares, e o secretario, Gustavo Adolfo Garrido.

Durante o encontro analizouse a colaboración do Concello no programa de actividade do Día das Letras, no cal Xinzo terá un protagonismo especial, xa que, pese a nacer en Ourense, Carlos Casares vivíu dende os catro anos na capital limiá, onde o seu pai era mestre. Será en Xinzo onde se celebre o 17 de maio o acto central do Día das Letras Galegas, que promove a Real Academia Galega.

A Fundación Carlos Casares ten moi avanzado un amplo programa de actividades para este ano, no que destacan unha gran exposición sobre a vida e a obra do escritor, que itinerará por toda Galicia; a elaboración dun documental e tamén a organización dun gran acto en Madrid, no que colaborarán a Real Academia Española e o Instituto Cervantes e no que participarán relevantes figuras das letras españolas.

Xinzo e toda a comarca da Limia tamén terán un gran protagonismo nesta programación, con exposicións, actos literarios, teatro, etc., de xeito que cada mes se celebre unha actividade ao redor da vida e a obra do escritor.

Xinzo tamén acollerá ao final deste ano o remate da itinerancia da gran exposición que percorrerá Galicia. Na reunión mantida na Casa do Concello de Xinzo, o alcalde, Antonio Pérez, acolleu con moito interés o proxecto que lle plantexou a Fundación para atopar unha sede definitiva onde depositar os fondos que conformarán esta mostra itinerante na que se está a traballar. Esta sede funcionaría como Museo Carlos Casares e recollería os obxectos persoais, documentos, manuscritos, fotos, maquetas, medallas e moitas outras pertenzas de Carlos Casares, un espazo co se garantiría o acceso continuado a todo este legado.

Tamén se puxeron sobre a mesa durante a reunión no consistorio limiá outras dúas exposicións nas que está a traballar a Fundación Carlos Casares, unha de fotografías e outra que incorporará a colección de "principiños" que formou Casares ao longo da súa vida, duceas de edicións da obra "O Principiño" nos idiomas máis diversos.

Te puede interesar