INTEGRACIÓN

Xinzo califica a integración dos musulmáns como "excelente"

_2017-08-18-photo-00000478-1-_result
photo_camera A mezquita de Xinzo está ubicada nas proximidades da avenida de Madrid de Xinzo de Limia.

O goberno municipal destaca a adaptación deste colectivo en todos os ámbitos da vida limiá

O grupo de goberno do Concello de Xinzo, que preside Antonio Pérez, resaltou onte a "convivencia exemplar dos limiaos cos máis de 300 musulmáns que habitan na capital da comarca". Deste xeito, o goberno intenta aclarar "o malentendido" xurdido logo de facerse pública a decisión da administración local de colocar bolardos na Praza Maior da vila para evitar un posible ataque terrorista. 

O rexedor local manifestara no seu momento que Xinzo ten "un alto nivel de poboación musulmana" e que as forzas de seguridade coincidían en afirmar que "os seus xóvenes, non digo que sexan os do noso municipio, poden chegar un pouco máis radicalizados". Estas verbas non sentaron ben aos musulmáns de Xinzo e, dende o grupo de goberno, quixeron responder a este malestar sinalando que o colectivo magrebí leva moitos anos na localidade e, dende sempre, "fixeron uso dos servizos básicos do Concello con total normalidade".

Por outra banda, os "populares" salientan que "a adaptación ao sistema educativo dos nenos e nenas marroquíes non presentou nunca ningún tipo de problema" e que existen clases de reforzo de lingua "que se imparten martes e xoves por profesores do Concello". 

No que atinxe á ocupación laboral sinalan que "moitos destes cidadáns adícanse á venda ambulante pero tamén traballan en explotacións agrícolas ou granxas". En Xinzo celébranse "xornadas de convivencia de tipo intercultural", sinalan a través deste comunicado, e segundo Antonio Pérez, " existe unha integración excelente, xa que os cidadáns de Xinzo sempre se caracterizaron pola súa hospitalidade, tolerancia e convivencia pacífica".

A decisión de ubicar medidas preventivas adoptouse logo dunha xunta de seguridade á que asistiron, ademáis do rexedor local Antonio Pérez, o xefe da Policía de Xinzo, Germán Bolaño, axentes da Garda Civil e efectivos das brigadas municipais, e responde a unha "recomendación xeneralizada do Ministerio do Interior", segundo sinalou o xefe da Policía Local. 

Te puede interesar