SERVIZOS

Xinzo estreou o espazo para as autocaravanas

img_7452_result
photo_camera Os turistas coñeceron puntos da vila coma o Museo do Entroido.

A área contou a fin de semana con 60 vehículos de toda España

As brigadas de obras do Concello de Xinzo acometeron, recentemente, o acondicionamento dun punto de servizo para autocaravanas na urbanización "A Telleira", ubicada na rúa de San Sebastian,  co obxectivo de crear unha área para o encontro destes vehículos. 

As obras contaron cunha partida de 6.000 euros por parte do goberno local. 

A inauguración do novo espazo produciuse o pasado sábado, 18 de marzo, coa visita de 60 remolques pertencentes á Asociación Galega de Autocaravanas. Unha entidade creada no ano 2007 e que conta con máis de 650 socios non soamente de Galicia, senon tamén do resto do país. Trátase, segundo explicou Carlos Argibay, vogal da asociación e encargado da zona de Xinzo, "do consorcio de autocaravanas máis numeroso de toda España". 

O acto de inauguración, no que se destapou unha placa conmemorativa, contou coa presenza do alcalde de Xinzo, Antonio Pérez, o concelleiro de Turismo, Carlos Gómez e a edil de Servizos Sociais, Silvia Blanco. 

Os visitantes chegaron nos seus vehículos procedentes de toda Galicia e tamén de lugares como Ibiza, Cataluña ou Zamora, dispostos a coñecer os lugares mais emblemáticos da vila de Xinzo. Deste xeito coñeceron as instalacións do Museo Galego do Entroido, na rúa Dous de Maio, a zona do casco vello, o Toural ou a igrexa. 

Carlos Argibay destacou que a visita "repercutiu positivamente" na economía e na hostalería da vila, xa que eran moi numerosos os grupos de turistas que se podían ver ceando ou xantando nos seus principais restaurantes. "Despois de cada visita adoitamos facer un reconto dos tickets entre todos os visitantes", conta Carlos. "Estimamos que en Xinzo puidemos chegar os 3.000 euros de gasto", engade o vogal de AGA.

Te puede interesar