A LIMIA

Xinzo nomeará as súas rúas con títulos da obra de Casares

Será unha das medidas temporais que se coñeceron na presentación dos actos das Letras Galegas

 

En Xinzo comezou no día de onte a conta atrás para a celebración do Día das Letras Galegas, que non tería máis relevancia que a de edicións anteriores se non fose polo homenaxeado este ano e a súa vinculación coa capital do Limia: Carlos Casares. O salón de actos do Concello acolleu á primera hora da mañá a presentación dos actos oficiais que xa están tendo lugar dende días atrás e que se manterán ata ben entrado o verán. A aposta do alcalde de Xinzo, Antonio Pérez, quere garantir que todos os veciños da vila coñezan a obra do seu ilustre escritor renomeando as rúas cos títulos das obras literarias de Casares. 

O programa de actos, que se veñen desenrolando dende o pasado 26 de marzo, terá a súa máis inminente cita o 13 de maio no auditorio da Casa da Cultura de Xinzo. Alí está prevista a lectura continuada e pública da obra de Carlos Casares "Vento ferido", coincidindo co medio século da súa publicación. Dúas horas máis tarde e no mesmo escenario terá lugar a "Cantata e fuga para Carlos Casares", onde dous artistas de Riós e Verín, o músico Emilio Rúa e o escritor Xosé Carlos Caneiro, respectivamente; protagonizarán un concerto recital. 

O día 16 levará ata o auditorio a presentación, cara as oito da noite, do libro "Á marxe do Limia". Media hora máis tarde terá lugar o terceiro encontro de escritores limiaos, que antes de escoitar a música das voces do coro Aimil, disertarán sobre a vida e o universo creativo de Casares. O grupo local Ruta pechará a xornada do día 16 maio na praza da vila que leva o nome do autor. 

O día 17 o calendario de eventos arranca ás 10,30 horas coa recepción das autoridades e académicos que máis tarde participarán, no salón de plenos do Concello, da reunión da Real Academia da Lingua Galega. Esa xuntanza terá lugar ás 11,30 horas, media hora despois de que os alumnos da Escola Municipal de Gaitas e Percusión, acompañados por los membros da Agrupación Musical de A Limia, comecen o seu particular pasarrúas polo casco urbano de Xinzo. 

Dende as dez de mañá e ata ás 21 horas, permanecerán abertos os postos de venda na feira do libro en galego, na que as librarías ofrecerán un desconto do dez por cento en todas as adquisicións. 

Logo do acto académico chegará a honra oficial á figura de Carlos Casares na praza que leva o seu nome. Ás 12,45 horas escoitarase o hino do antigo Reino de Galicia, interpretado pola Banda de Gaitas do Concello, ao tempo que se descobre unha praca conmemorativa. Unha breve lectura de fraccións da súa escolma, e tamén unha interpretación de María do Ceo, dará paso ao acto institucional presidido polo rexedor local Antonio Pérez, que dará a benvida ao resto de comparecentes antes de escoitar o hino galego na carpa instalada ao efecto. A xuntanza de baile galego, na que estarán presentes a Escola Municipal de Baile e a Asociación de Mulleres Rurais de Santa Baia de Montes pecharán a xornada matutina dese día na Praza Maior. 

O programa abrangue unha chea de actividades

Aínda que a capital da comarca será a que acolla a principal escolma de actos, a organización tamén quixo levar algúns deles fóra de Xinzo, como o foi o roteiro literario que no día de onte comezou no museo etnográfico de Vilar de Santos cunha xuntanza de escritores locais e que continuou, logo do xantar, por Xinzo, Sabucedo, Lamas e Trandeiras, percorrendo en autobús, con paradas e explicacións nos escenarios emblemáticos da vida de Casares, aqueles lugares onde desenrolou grande parte de súa existencia.

 Ademáis, a figura de Casares estará tamén presente máis alá do día 17. Ata o 30 de xullo, a Casa da Cultura acolle unha recopilación das fotografías nas que aparece o escritor coa súa xente na terra limiá, colección cedida por Edelmiro Martínez Cerredelo e Xosé Antonio Carrera. 

Antes, o día 9 de xuño, e no casino antelano, rematará a exposición dun cento de portadas dos libros publicados por Casares Mouriño. 

A mostra central sobre a figura, obra e o tempo do escritor estará aberta no museo galego do entroido ata o 30 de setembro.

Te puede interesar