TERMALISMO

Xinzo pedirá que se estude a termalidade da auga na Lagoa

Dende o grupo da oposición XA queren que se retomen as investigacións iniciadas nos anos 70

As investigacións previas ubican estas aguas no denominado acuífero da Antela.
As investigacións previas ubican estas aguas no denominado acuífero da Antela.
Xinzo pedirá que se estude a termalidade da auga na Lagoa

Manuel López Casas adiantou que o grupo de goberno apoiará a moción rexistrada pola formación Xinzo Adiante (XA) para realizar un estudo da posible existencia de auga termal na comarca da Limia, así como do seu aproveitamento e características. A proposta será debatida no pleno ordinario que terá lugar mañá venres, ás 11,00 horas, aínda que o rexedor local xa anunciou o seu voto a favor. "Claro que vemos ben, como non podía ser doutro xeito, que se fagan prospeccións das augas que hai no subsolo da Lagoa para analizar o seu aproveitamento", dixo o alcalde limiao. "Hai un estudo ao respecto que data do ano 78 e cando se abordaron os sondeos de lignito apareceran augas a temperaturas moi altas. Non hai que esquecer que estamos nunha provincia termal. Sería un ben de gran interés para a comarca", engadiu.

Neste senso, a Corporación municipal instará a Consellería de Industria a que faga os estudos pertinentes e analíticas para ver as posibilidades e aproveitamento destas augas.


Indicios dos anos 78 e 79


Na súa moción, o grupo Xinzo Adiante, que encabeza Manuel Pérez Campos, recorda que no ano 2009 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas encargou unha investigación ao xeólogo José Ramón Seara Varela que veu a demostrar a existencia de auga termal na subcunca da Lagoa de Antela. Nos anos 1978 e 1979 atopáronse, insisten, antecedentes de estudos sobre o lignito que avaliarían a existencia desta auga na comarca limiá.

O grupo da oposición subliñou que, segundo o estudo de Seara Varela, "estaríamos falando dun acuífero situado na Depresión de Antela, cunha extensión de 121 quilómetros cadrados e ubicado na súa maioría nos concellos de Xinzo de Limia, Sandiás e Sarreaus, formando rochas metamórficas e sedimentos". Explican que se realizaron varias prospeccións na denominada "Ponte do Y" do Concello de Sandiás, e atopouse auga que emerxe dun caudal de entre dous e tres litros por segundo a unha temperatura de 25,1 graos na superficie e 45,1 graos no fondo.


Impulso económico para a comarca limiá


Na súa moción, Xinzo Adiante explica que a lexislación española a este respecto indica que se pode considerar a existencia de auga termal cando a súa temperatura é catro graos superior á climática media do lugar onde brota. Neste senso, e considerando que a temperatura media da estación meteorolóxica de Xinzo de Limia é de 10,6 graos, existen, segundo din, "indicios máis que suficientes para poder confirmar a termalidade da auga". XA manifestou, ademais, que cando o Partido Popular accedeu ao goberno da Xunta no pasado ano 2009 non se continuaron as prospeccións e o estudo quedou "inconcluso". Por este motivo queren solicitar á Consellería de Industria "que o continúe" para poder validar a termalidade da auga e o seu posible aproveitamento. Dende Xinzo Adiante matizan que, de confirmarse estes indicios, a existencia deste ben natural "podería supoñer un importante impulso económico para a nosa comarca e municipio, ademais da creación de postos de traballo asociados ao turismo e ao termalismo". O rexedor de Xinzo explicou a importancia de manter contactos cos outros concellos afectados -Sarreaus, Sandiás e incluso Vilar de Barrio- posto que as prospeccións tamén se realizarían nos seus terrenos, "e eles tamén teñen que decidir o que queren facer", dixo o alcalde.