SEGURIDADE

Xinzo prepárase para os días centrais do Entroido

20170220204900778_result
photo_camera Árboles decorados na Praza Juan XXIII de Xinzo de Limia.

Haberá un dispositivo especial en materia de limpeza e de seguridade

Xinzo atópase ultimando os detalles de cara aos días máis importantes do Entroido. Será a partir deste venres, co desfile infantil como preámbulo, cando comecen os cinco días máis agardados do ciclo. Por este motivo, a comisión do Entroido está abordando estes días varios preparativos en materia de limpeza, seguridade e decoración. 

LIMPEZA 
Para os vindeiros venres, sábado, domingo, luns e martes de Entroido e mércores de cinsa, haberá un reforzo de baños públicos. Concretamente, serán 13 aseos contratados pola comisión para os días con máis afluencia de visitantes e estarán localizados na Praza Maior, na praza de Oriente e na contorna da igrexa vella. 
En materia de limpeza das rúas, a Deputación reforzará o servizo de colectores de vidro e o Concello aumentará o número de colectores de lixo. Dobraranse os servizos do persoal de limpeza para baldear as rúas. 

O pasado Entroido recolléronse na Limia durante o mes de Entroido 33,7 toneladas de vidro, 14,5 toneladas de envases lixeiros, 400 toneladas de residuos orgánicos e a recollida de cartón multiplicouse por catro. 

SEGURIDADE
O dispositivo de seguridade cidadá estará coordinado entre axentes da Policía Local e Guardia Civil. A vixilancia será maior nas rúas da zona vella e haberá varios dispositivos de tráfico pola mañá e pola noite. O venres do desfile infantil e o domingo de Entroido haberá desvíos puntuais dende a rotonda da Nacional 525 coa estrada de Celanova e na Avenida de Madrid

DECORACIÓN
Xa se poden ver en lugares como a Praza Maior limiá balcóns engalanados cuns carteis nos que se poden ler frases que fan referencia ao respeto á tradición ou vencellados a esta festividade, e que están acompañadas da imaxe da Pantalla.

Por outra banda, as árbores das principais prazas da vila estanse decorando con teas de distintas cores na liña dos retrincos de Entroido, feitos polos alumnos dos colexios de Xinzo, para a rúa de San Roque. É a primeira vez que se presenta esta decoración con motivo do Entroido e agárdase que, ao longo do día de hoxe, quede totalmente rematada. 

Vixilancia das pertenenzas
Dende a Policía Local de Xinzo sinalan que o principal é que a xente se divirta, pero advirten sobre o perigo de descoidar as pertenzas nos días de especial afluencia de público como o día do desfile infantil de Entroido.

Neste aspecto, os axentes destacan que se producen moitas denuncias por roubo durante a fin de semana de Entroido xa que hai moitos delincuentes que aproveitan estas datas para acometer os roubos. 

Os axentes apelan á concienciación á hora de ter coidado cos enseres persoais. 

Te puede interesar