TURISMO

Xinzo promoverá a Vía da Prata con tres roteiros pola comarca

O obxectivo desta iniciativa non é outro que o de dar a coñecer e poñer en valor a variable sur da Vía da Prata

Xinzo promoverá a Vía da Prata con tres roteiros pola comarca

A Asociación Amigos da Vía da Prata-Camiño Mozárabe de Ourense, en colaboración co Concello de Xinzo de Limia e da Sociedade de Xestión do Xacobeo, desenvolverán os vindeiros días 10, 17 e 21 de marzo unhas xornadas de promoción da variable sur da Vía da Prata, unha das menos transitadas de todas as que compoñen o Camiño de Santiago. Farano organizando tres etapas do percorrido Xacobeo dende Monterrei ata Ourense, e pasando polos municipios de Viladerrei, Xinzo de Limia, Sandiás e Allariz.

O obxectivo desta iniciativa non é outro que o de dar a coñecer e poñer en valor a variable sur da Vía da Prata, despois de que a Xunta de Galicia, mediante a sociedade xestora do Xacobeo, ampliara a oferta de albergues de peregrinos. Neste senso, o da capital da Limia abriu as súas portas en setembro do pasado ano 2017, e conta con 15 prazas e unha habitación para persoas de mobilidade reducida. O espazo foi construido en 2015, grazas a unha subvención de 120.000 euros por parte da administración autonómica, e atópase no Barrio de Abaixo da localidade. 

Tres etapas do camiño

A primeira etapa será a que terá a súa saída no Castelo de Monterrei e que irá ata o municipio de Viladerrei. A saída terá lugar ás 08,00 horas da mañá, no propio castelo e chegará a Viladerrei ao mediodía. Neste lugar está previsto que se celebre un xantar popular nalgún dos restaurantes da localidade. Posteriormente, os participantes retornarán aos seus lugares de orixe.

Os vindeiros sábados 17 e 21 de marzo abordaranse as etapas restantes coa mesma dinámica. Nesta liña, o día 17 o camiño será o que une Viladerrei con Xinzo de Limia e o 21 sairá da capital comarcal ata a vila de Allariz. 

Autobuses para os inscritos

Para facilitar a participación, a Asociación de Amigos da Vía da Prata-Camiño Mozárabe de Ourense porá a disposición dos seus socios un autobús con saída dende a cidade. 

Pola súa banda, o Concello de Xinzo de Limia tamén terá un autobús gratuito para todas as persoas que desexen facer a primeira destas tres rutas pola comarca. Estará dispoñible a partir das 07,30 horas na Estación de Autobuses da localidade, ubicada na avenida de Ourense.