A LIMIA

A Xunta cede a Xinzo a avenida de Celanova

Tamén entregou a avenida de Portugal e a rúa Dous de Maio, das que o concello será responsable da súa conservación

O Consello da Xunta de Galicia aprobou a transferencia dunha parte dos tramos urbanos das estradas autonómicas OU-304, OU-301, e OU-531 -a avenida de Portugal, a rúa Dous de Maio e a avenida de Celanova, respectivamente- ao Concello de Xinzo de Limia. 

O obxectivo deste cambio de titularidade foi adecuar a configuración da rede viaria da vila á súa realidade funcional, cun investimento de máis de dous millóns de euros que se materializou trala sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e o propio Concello limiao. 

Asimesmo, o Departamento de Infraestruturas da Xunta emitiu un informe favorable sobre a transferencia dos tramos urbanos destas tres estradas autonómicas que atravesan o núcleo da vila, das que a administración local se comprometeu a asumir a súa titularidade co obxectivo de favorecer a explotación das infraestruturas dende o punto de vista municipal. Con esta transferencia, o Concello de Xinzo será o responsable da súa conservación e mantemento e poderá actuar sobre estas vías de acordo coas súas características, e non serán xa de aplicación as restriccións da normativa autonómica de estradas, como as limitacións de usos ou actividades nas súas marxes ou accesos. 

A cesión destes treitos da rede autonómica de estradas ao municipio ourensán formalizarase mediante sinatura da acta de entrega no prazo dos dous meses seguintes á súa publicación no Diario Oficial de Galicia. 

Este cambio tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013 do 28 de xuño de Estradas de Galicia.

Te puede interesar