Xunta e concellos avanzan na ordenación das areeiras

<p></p>
photo_camera As mercantís extractoras promoven o planeamento supramunicipal que regule a súa actividade. (IVÁN DACAL)

O plan sectorial estará exposto ao público ata o mes de novembro, para recoller alegacións

O proxecto da explotación areeira nos concellos de Sandiás e de Vilar de Santos continúa a súa tramitación ordinaria tal e como sinalan dende a Consellería de Industria. Co obxectivo de ordear e planificar a longo prazo a actividade extractiva de area nestes lugares da comarca de A Limia, o proxecto atópase nestes intres e ata dentro de 45 días, en fase de exposición pública nos Concellos de Vilar de Santos, Sandiás e tamén na Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria. "Estudiaremos o proxecto durante estas semanas e faremos as alegacións precisas, sempre pensando nos intereses dos veciños de Vilar de Santos", sinala Xan Xardón, rexedor do municipio.

O proxecto está sendo promovido por catro empresas e afecta a unha área de entre 5,5 e 6 hectáreas, tal e como sinalan dende a Consellería. Dende a administración autonómica afirman que, nestes momentos, se está xestionando tanto a información pública, como as audiencias aos concellos e consultas ás administracións públicas e persoas interesadas no procedemento, ademais da solicitude dos informes sectoriais. Neste senso, e tal e como explicou o tenente de alcalde de Sandiás, Tito Traveso, "aínda temos opción a incurrir noutra fase de alegacións".

A MAIOR SUPERFICIE

Sandiás ten a maior superficie de extracción areeira da comarca. "Este proxecto é moi importante porque ten como obxectivo, por unha banda, ampliar a zona de extracción e, pola outra, dar legalidade ás novas zonas adheridas, pois algunhas están sendo explotadas sen os correspondientes preceptos legais", engadiu Traveso.

En Sandiás traballan ao redor de 30 persoas de xeito directo na extracción de area e moitas outras, de maneira indirecta. "Que se xenere máis emprego grazas á esta ampliación dependerá do tirón da economía, xa que a crise afectou moito ao sector", apunta Traveso.

O plan estará en exposición pública ata o mes de novembro. Os dous Concellos afectados pola súa redacción teñen xa programadas diversas reunións cos seus equipos técnicos para a súa completa avaliación, "que se fará con todo o celo posible porque se trata dun documento moi completo e dunha importancia vital", di Xardón. 

UN SECTOR QUE FOI ESTRATÉXICO NO SEU DÍA

O proxecto sectorial das areeiras da comarca de A Limia iniciouse en 2015 e sufriu varias modificacións ao longo de todo este tempo. Tal e como sinalan dende unha das empresas afectadas, o obxectivo fundamental é o de "compatibilizar a actividade agraria co resto das que se desenvolven  na comarca". A Lei de Ordenación do Territorio de Galicia contempla a execución deste tipo de proxectos para axilizar os procedementos administrativos e facer a actividade en cuestión moito máis viable. O feito de que as explotacións se atopen en dous municipios distintos fai necesario optar por este tipo de procedementos. Tal e como explican fontes próximas a unha das empresas areeiras, o proxecto sectorial non mudará ningún aspecto dos vencellados ás cuestións mineiras e ambientais. Cada ano son varios millóns de euros o que se xeran nesta actividade extractiva, que se iniciou nos primeiros anos da década dos setenta. 

Os momentos de maior esplendor foron hai unha década, datas nas que se movían ao redor de dez millóns de euros en volume de negocio e os postos creados pola mesma chegaban a alcanzar o millar, entre os directos e os indirectos, moitos deles moi relacionados co sector do transporte camiño do veciño país de Portugal.

Te puede interesar