MÚSICA

Os BestLife son uns clásicos

020_bestlife.changes_result
photo_camera BestLife (UnderYOurSeat), nunha imaxe promocional.

Os BestLife levan desde o 2010 compoñendo as súas cancións, influenciados polos sons do rock americano e polo brit pop de Blur e Oasis

"Life vest under your seat", é a mensaxe que aparece nos asentos dos avións, para recordar aos pasaxeiros que, en caso de emerxencia, o chaleco de seguridade está baixo o asento.Medio en broma, os ourensáns BestLife (UnderYourSeat) tomaron este nome para a súa banda, pero dándolle unha volta para transmitir a mensaxe de que "nos dedicamos a mirar a vida dos demais e, ás veces, ser infelices, cando o que tes ti pode ser maravilloso", explica Manuel de Lorenzo, un dos cinco integrantes deste grupo ourensán, que completan Hugo, Jorge, Gus e Óscar, e que estarán hoxe ás 22,30 horas na praza Maior.

Este grupo ten unhas influencias moi marcadas do rock americano e do britpop dos 90, bebendo de artistas como Blur ou Oasis. De Lorenzo afirma que é difícil abandonar as influencias que se teñen de sempre: "Pode ser que sexamos uns clásicos. É moi difícil experimentar coas vangardas, ás veces asusta innovar e que saia un CD moi ecléctico, pero  sempre se che pega algo, ben sexa unha rima ou un ritmo". BestLife veñen de presentar o seu último traballo, "Changes" (2018), que como ben indica, está cheo de cambios.

"Con este álbum ábrese unha nova etapa, especialmente pola incorporación de Gus á batería e Óscar ao teclado, guitarra e máis aparellos electrónicos, que enriquecen moito as cancións no directo", explica De Lorenzo. Desde os seus comezos, alá polo 2010, elixiron o inglés para as súas letras, "porque un fai o que escoita, cando compós véñenseche á cabeza as túas influencias, como os Beatles ou Neil Young, pero é algo automático, que pode cambiar, e no caso de que pase, será algo natural, nunca unha razón táctica, de feito temos algunha canción en galego e castelán", conta De Lorenzo.

Os BestLife mañá actúan na súa cidade, onde compaxinan a diario os seus ensaios coa vida familiar e profesional: "Polo de agora conciliámolo ben, porque este grupo non  é nin un traballo nin un hobbie, é unha adición. Disfrutamos e temos moita motivación porque á xente gústalle o que facemos".

Te puede interesar