AGENDA

O ceo de Barbadás estará máis preto

Grazas á actividade TodoCosmos, os veciños do concello teñen a oportunidade de  coñecer máis do que esconde a esfera celeste

Un dos monitores de TodoCosmos axuda a un neno a observar o ceo nocturno grazas a un potente telescopio.
Un dos monitores de TodoCosmos axuda a un neno a observar o ceo nocturno grazas a un potente telescopio.
O ceo de Barbadás estará máis preto

Non todos os días se poden observar as diferentes constelacións que nos ofrece a noite con telescopios profesionais. E aí aparece a actividade TodoCosmos. O programa do Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da Universidade de Santiago regresa por terceiro ano consecutivo a Barbadás, o  mércores ás 22,30 horas, no Paseo dos Amieiros.

"O noso obxectivo é achegar a astronomía a todas as persoas, a través da observación do ceo e da Lúa. Ademais, este verán poderanse ver Júpiter e Saturno, conseguiremos avistar algunha nebulosa e o día 27 haberá un eclipse total de Lúa", explica José Ángel Docobo, catedrático de Astronomía da Universidade de Santiago e director de OARMA.   

A través dos monitores, os asistentes recibirán diferentes explicacións ao tempo que observan os elementos, algúns a simple vista e outros grazas aos seus telescopios.


Participación


 "A nosa idea non é buscar espazos óptimos para a astronomía, senón que a xente participe. Praia, montaña ou rúas, sempre se pode observar algo", en función da metereoloxía, da fase da Lúa ou da situación dos planetas.  En calquera caso, animan a asistir á esta actividade que "tivo moi boa acollida desde que naceu, fai cinco anos", e foi recoñecida como práctica innovadora en cultura científica.