AGENDA CULTURAL

Comunicar dende o poder da retranca

Oswaldo Digón e David Amor visitan o Auditorio da cidade para ofrecer un monólogo, no que repasarán a traxectoria da compañía R a través da risa e da comedia.

Os cómicos David Amor e Oswaldo Digón visitan esta tarde o Auditorio.
Os cómicos David Amor e Oswaldo Digón visitan esta tarde o Auditorio.
Comunicar dende o poder da retranca

Baixo o lema "20 anos por aquí", a empresa de telecomunicacións R celebra as súas dúas décadas de vida agasallando aos seus clientes cun espectáculo de humor protagonizado polos cómicos Oswaldo Digón e David Amor. Para a ocasión recuperan o formato monólogo, un clásico empregado por R dende hai 10 anos e no que apostan pola canteira de humoristas galegos. O Auditorio da cidade acolle esta tarde, ás 21,00 horas, á ultima cita da xira despois de recorrer as cidades galegas dende o mes de outubro.

Un espectáculo que nace para reforzar a relación da empresa co seu público mediante unha fórmula divertida na que as actuacións de Oswaldo Digón e David Amor compleméntase con guións de Xosé Touriñán. "Trátase dunha ocasión na que a través de personaxes chalados festexamos a traxectoria de R, dende as primeiras cabinas á tecnoloxía actual", explica o lucense Oswaldo Digón.

Autodefinido como un "contador de historias", Digón ve no humor a ferramenta ideal para manexar todas as incertezas que nos rodean. "Conto todo aquilo que pasa na vida da mellor forma que sei, a través da comedia, pero dende a perspectiva da narrativa tabernaria galega na que a retranca nos permite transmitir unha idea de xeitos moi diferentes", sinala Oswaldo Digón. Un afán por contar historias que o leva a explorar os eidos da interpretación ou da improvisación, así como o de guionista.

Lugar: Auditorio Municipal de Ourense

Hora: 21,00