Axenda cultural

Contos de intriga, sen tabúes

20180917195619697_result
photo_camera Antía Yáñez durante unha das súas funcións.

A escritora Antía Yáñez conxuga en "Rescate na biblioteca" historias de detectives, un tesouro, misterio e moita literatura 

"Participo en certames literarios dende que era pequena, polo que a escrita e os libros forman parte de min". Así se presenta Antía Yáñez, escritora lucense que descubriu a súa vocación mentres cursaba Enxeñaría de Camiños.

Mañá estará na Biblioteca Municipal de Vilar de Santos amenizando a tarde dos máis pequenos con "Rescate na biblioteca", un espectáculo que nace da "inquedanza de incentivar a lectura en galego nos rapaces", explica Antía Yáñez.

A escritora lucense compaxina a súa labor como docente coa súa faceta literaria, na que pode presumir de contar con dous libros publicados con tan só 27 anos: "O misterio de Portomarín" e "Senlleira". "Escribo o que sae do meu interior, produto das miñas inquedanzas e dúbidas. Gústame saber por que pasan as cousas, polo que me fago numerosas preguntas que intento responder a través dos meus textos", sinala a autora.

Neste sentido, a súa primeira obra, "O misterio de Portomarín", naceu "ao decatarme do descoñecemento que existía entre os máis novos de todo o que supuxo a etapa franquista para a historia de Galicia e, en concreto, de Portomarín". A escritora lucense defende que non existen temas prohibidos: "Gústame pensar que podemos tratar calquera asunto cos máis pequenos, adaptando o vocabulario ou a trama, pero sen privalos da realidade. Enténdennos mellor do que pensamos, polo que non ten sentido falar de tabúes".

A nivel profesional, o trato directo cos máis cativos é un impulso para a carreira de Yáñez. "Creativamente, axúdame moito coñecer o pensamento dos nenos, xa que aprendo da súa curiosidade e intento situarme no seu lugar. Isto axúdame á hora de enfocar as miñas ideas", sinala a lucense.

Yáñez visita mañá Vilar de Santos para traer un espectáculo centrado na intriga e no misterio, sempre dende a perspectiva literaria e fomentando valores como o traballo en equipo e a solidariedade.

Te puede interesar