Agenda

De Vacas, en galego e sen tabúes

20180718215558245_result
photo_camera Faia Díaz, Guillermo Fernández, Paula Romero e Inés Salvado son De Vacas.

O seu é versionar cancións, desde as Spice Girls a Lola Flores. Hoxe actúan en Ourense, que xa as mimaba antes do seu hit "Amodiño" 

Con "Amodiño", De Vacas conseguiron facerse virais ao versionar a canción "Despacito" de Luis Fonsi e liberala da linguaxe machista que presentaba. "Para compoñer as nosas letras non temos ningún tabú: falamos da menstruación, da primeira relación sexual, e mesmo nos mandamos un 'Pene, penete, pene' cambiando a letra orixinal de 'Pena, penita, pena', de Lola Flores", explica Paula Romero, unha das voces de De Vacas. Con este single conseguiron facerse coñecidas, "ter máis concertos e achegarnos ao público para saber cal é a súa percepción. Foi unha sorte".


O "Amodiño" e máis temas versionados soarán hoxe na Praza de San Martiño, ás 22,30 horas, no marco do Verán Cultural. "Ourense é unha parada especial no camiño, fai tres anos  que pasamos pola cidade, e cando comezamos a nosa andadura esta praza estaba xa petada", recorda a cantante. 


Romero, xunto con Inés Salvado e Faia Díaz comezaron a aventura De Vacas fai xa uns anos, despois de ser parte dun coro. O grupo foi completado máis tarde por Guillermo Fernández, que puxo o son da súa guitarra. "Nós sempre rescatamos cancións que nos marcaron, como as Spice Girls, que foron un referente da nosa adolescencia, pero ao final collemos calquera tema, facemos que queden armonizadas coas tres voces e as cordas, e así logramos que cada canción sexa diferente".

Un traballo que non sempre é fácil e que varía moito en función de cada tema. "Hai versións que saen moi facilmente, e que en poucas horas xa temos montadas, pero hai outras que se resisten. É coma facer fornadas de pan: non todas as bolas saen da mesma forma", explica Romero. 

O traballo e dedicación de De Vacas foi recompensado no 2016 cando puxeron voz á canción oficial do Festival de Cans. "Eles tiñan escollido un canción tema e quixeron que nós o interpretásemos. Estos traballos a nós encántannos". O mesmo que disfrutan cos directos: "Imos dalo todo en Ourense, porque queremos que a xente o pase ben".

Te puede interesar