AGENDA

A emigración condenada ao olvido

20180314204843836_result
photo_camera Xan Leira, durante a gravación de "Galegos en Lisboa".

O director arxentino Xan Leira proxecta ás 20,00 horas no Liceo un documental que afonda no descoñecido éxodo á capital lusa

 Canto hai de Galicia en Lisboa? A capital veciña agocha entre os seus barrios a pegada de miles de galegos que durante cinco séculos emigraron ao país luso. O director arxentino de orixe galega, Xan Leira, retratou o éxodo masivo e descoñecido no documental "Galegos en Lisboa, a historia xamais contada", que hoxe se proxecta ás 20,00 horas no Liceo. Haberá un coloquio posterior .

"É unha historia inédita que eu descoñecía ata o ano 2006, cando comezamos a investigar. O froito das pesquisas é a perspectiva de que a historia da emigración galega en Lisboa é grande e antiquísima", explica o director. O filme, de 55 minutos, debuxa –ou mellor, desdebuxa– o rastro cultural e social que deixaron os emigrantes galegos dende o século XV ata o XVIII. "É difícil saber que é patrimonio galego e que é patrimonio lisboeta", manifesta.A gastronomía é un deses elementos dos que é complicado diferenciar a orixe, segundo Leira. "Hai pratos que son de tradición galega, ou, por exemplo, a introdución do hábito de consumo de marisco", engade.

A que define como "a nai de todas as migracións" é unha historia de nomes propios, algúns eran nenos no momento de marchar da sú patria para alcanzar unha mellor vida. Moitos, explícanse no documental de Leira. "A zona da Baixa Limia e da raia son dous territorios onde aínda hai unha presenza da emigración ourensá a Lisboa. En Lobios ou Entrimo hai memoria moi viva e moi sentida de emigrados a Lisboa, porque son anos roubados da súa infancia para ir a traballar fóra, onde se fixeron adultos", comenta Leira. "Gran parte dos augadeiros eran galegos, e levaron a Lisboa un desenvolvemento impresionante", conta na cita Margarida Ruas, directora do Museu da Auga de Lisboa. Os galegos tamén planexaron e construiron o territorio que un forte sismo asolou a capital portuguesa. "O traballo galego deu vida a esa urbe do imperio portugués, aportando traballo, intelixencia e emocións", apunta o director.

"Cinco séculos de emigración regular á cidade de Lisboa fican, actualmente, condenados ao esquecemento entre a distancia ou indiferenza da sociedade", di a sinopse. Que non sexa así. 

Te puede interesar