Axenda Cultural

Esculturas “con vida" en Maceda

20180809194549065_result_result
photo_camera A exposición está exposta no Castelo de Maceda ata o 5 de setembro.

Alfonso Vila presenta por primeira vez as súas elaboracións en Ourense, tras máis de trinta anos traballando a madeira

O castelo de Maceda acolle no seu interior a exposición "Chatarra do bosque, Madeira con vida", que se poderá visitar ata o vindeiro 5 de setembro.

A autoría desta obra corresponde ao escultor Alfonso Vila, veciño de Baños de Molgas e afincado en Vitoria. "Para min o feito de tallar non é máis que unha afección que levo cultivando dende o ano 1986, que, ademais de axudarme a relaxarme, é algo que me gusta, pero non o vexo como un medio co que gañarme a vida", explica Vila.

O proxecto creativo comenza cos paseos de Alfonso polos bosques, pois "a natureza é a mellor escultura, polo que intento tomala como exemplo". Así pois, ante cada tronco ou raíces desbotadas no chan, o escultor ve "unha oportunidade de revivir o potencial da madeira. Unha vez que limpio o musgo comezo a ver as posibilidades que me ofrece e despois só teño que darlle forma".


Con oito exposicións previas en Vitoria, esta é a primeira vez que mostra o seu traballo en Ourense.


"Foi unha sorpresa tanto para min como para os veciños", comenta Alfonso, pois "eu non contaba con facer estes traballos públicos, foi unha proposta dende o concello que finalmente aceptei".


Vila comezou a chamar a atención dos seus veciños cun castaño tallado que ten no seu xardín, o cal "rescatei en 1993 xa coa intención de traballar posteriormente na súa madeira". Neste sentido, afirma que non ten pensado deixar de crear, pois "teño ideas na cabeza que me durarán polo menos ata o ano 2300".


Aínda que afirma non contar cunha técnica predefinida, na temática da súa obra predominan "rostros e figuras diversas que vexo no interior de cada peza", sinala Alfonso, quen afirma que está todo "na súa imaxinación e na capacidade de ver máis aló da superficie".

Te puede interesar