AXENDA CULTURAL

"No estío": o valor da diversidade

Catorce artistas mostran as súas obras nesta exposición, unha visión persoal do verán a través de diferentes técnicas

"Caricia", "Pies I" e "Pies II", as obras da artista Tania Ulloa para "No estío".
"Caricia", "Pies I" e "Pies II", as obras da artista Tania Ulloa para "No estío".
"No estío": o valor da diversidade

"Como asociación cultural, intentamos chegar a todos os públicos, promocionar as obras e aproveitar os espazos que nos ofrecen, xa que cada vez é máis difícil chegar á xente". Esta foi a razón de ser de "No estío", tal como explica Xosé Caramés, un dos catorce artistas da Asociación Alterarte, que mostran as súas obras nesta exposición, que pode verse na sala A Fábrica de Allariz ata o vindeiro 15 de agosto. 


Cada un dos autores participa na colección, con entre 2 e 4 creacións propias. As pezas que aportou Caramés representan as paisaxes, o seu estilo máis característico: "Escollín dous cadros que xa tiña feitos da Ribeira Sacra en outono, polo colorido que teñen e porque Allariz tamén é unha vila de interior". 


Pero as obras dos autores son multidisciplinares e responden a estilos diferentes. "Hai pezas moi curiosas. Un dos compañeiros presenta as obras que fai con pezas de ordenadores vellos", explica Caramés. Nesta colección non hai un fío condutor, senón que se trata dunha chamada ao público. "Ás veces búscase unidade, pero nós aquí decidimos apostar por todo o contrario. Pretendíamos buscar un punto temático pero a veces ten máis valor a diversidade", intervén Luis Viñas. Este artista aportou a "No estío" catro obras, que se dividen en dúas liñas técnicas, co verán sempre como tema principal.


"Por unha banda, fixen dous cadros tipo díptico que se chaman 'O litoral soñado' e 'O litoral imaxinado', onde se ven dúas paisaxes de costa, pero cun sentido moi abstracto, que é co que eu me identifico", sinala Viñas.


Por outro lado, as outras dúaz pezas responden a un estilo más orgánico e experimental, "onde traballo con trama e texturas diferentes, como rede, en vez de usar o lenzo limpo", comenta un Viñas que, destaca,  quería experimentar e facer cousas novas. Por iso compuxo estas pezas especificamente para "No estío", unha exposición na que foi moi importante a disposición dos cadros: "Ao ser algo tan variado, interesaba que a exposición quedase ben".