AXENDA CULTURAL

Foliada nos bares do Casco Vello

Os alumnos de 1º de Produción audiovisual e espectáculos organizan mañá a V edición de Cantos de Taberna

Os grupos participantes en Cantos de Taberna poñerán música a noite de mañá. Na imaxe, a foliada do ano pasado.
Os grupos participantes en Cantos de Taberna poñerán música a noite de mañá. Na imaxe, a foliada do ano pasado.
Foliada nos bares do Casco Vello

Os alumnos de 1º de Produción audiovisual e espectáculos de A Farixa do presente curso recuperan os "Cantos de Taberna" como proxecto de clase, sendo a deste ano a súa quinta edición. "Nós tiñamos outra idea, pero o noso profesor propúxonos isto e pareceunos un bo plan", conta Iria Rivero, encargada da comunicación do evento, co que "queremos promover a música tracional galega e dar a coñecer aos grupos amateurs".

Grazas a ela e a María, Ana e Antonio o V Encontro de Cantos de Taberna celebrarase mañá, cos grupos De Pé Feito, As Macizas Centrais, Escachaferreñas, Mamuxos e Xúa, a partir das 20,30 horas: "Comezamos na praza do Ferro e, desde aí, cada grupo empeza a tocar nun bar diferente".

Aos clásicos locais deste evento, o bar Sol, o Orellas e O París, únense A Nosa Taberna e o Xes: "Temos en conta os criterios das edicións anteriores para elixir os bares e os grupos, pero tamén innovamos na parte musical".

As cinco formacións ofrecerán 30 minutos de música e cantares tradicionais en cada local, para despois ir rotando polo resto dos establecementos ata o fin da festa, que será na praza do Trigo ás 23,30 horas. "Faremos un sorteo dunha cesta con produtos tradicionais, entre os que hai unha botella de viño tostado de Reboreda Morgadío, o noso principal patrocinador privado", explica Iria.