AGENDA CULTURAL

Folk poético con tintes feministas

banda da loba
photo_camera A Banda da Loba actúa esta tarde no Auditorio de Ourense.

"Bailando as rúas" é o primeiro traballo da Banda da Loba, un disco no que conflúen as influencias feministas coas letras dos poemarios de Celso Emilio Ferreiro ou de Rosalía de Castro

A Banda da Loba visita este martes o Auditorio de Ourense para repasar os temas do seu primeiro disco "Bailando as rúas", un traballo que este mes de decembro acaba de cumprir un ano enriba dos escenarios.

Andrea Porto, Inés Mirás, Marcela Porto, Estela Rodríguez e Xiana Lastra son as responsables deste proxecto "caleidoscópico" que se move entre o folk, o pop e o rock e no que a muller é a protagonista dos seus temas. "Estamos moi implicadas na reivindicación feminista, na que seguiremos traballando porque queda moito por cambiar", conta a vocalista da banda, Xiana Lastra.

As súas cancións abordan outros temas como a aceptación da diversidade, a memoria histórica ou o falso progreso. "Cantamos todos aqueles temas que conforman a nosa realidade, tanto o que nos gusta como o que nos desagrada". Neste primeiro traballo discográfico contaron con colaboracións de luxo, como Tanxugueiras ou Guadi Galego, de quen destacan a importancia de "non crear barreiras e facer unha música fiel ás nosas emocións", indica Lastra. 


Con máis de 55 concertos no seu primeiro ano de vida, a vocalista da banda destaca toda "a enerxía e cariño que lles aporta o público en cada actuación"


Unha aposta musical creada íntegra en galego, xa que "non concebimos comunicarnos nin facer música  noutro idioma", que combina tanto os temas compostos polas integrantes da banda, así como a musicalización de poemarios da literatura galega, pasando dos poemas de Celso Emilio Ferreiro e Rosalía de Castro a obras máis contemporáneas de Rosalía Fernández Rial ou Celia Parra.n

Lugar: Auditorio Municipal de Ourense

Hora: 20,30

Te puede interesar