AGENDA

Liberarse a través das palabras

Ourense. 27/04/18. Portada do vida á poetisa Arantxa Nogueira.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera A poeta ourensá Arancha Nogueira.

A poeta ourensá Arancha Nogueira presenta mañá, na cervexaría Moucho, o seu primeiro poemario, a partir das 19,00 horas

A ourensá Arancha Nogueira vive no mundo das palabras dende ben cativa. Na súa adolescencia escribía relatos e, pouco a pouco, foi internándose na poesía, ata que os seus pensamentos comezaron a aparecerse en forma de versos. 

"O único lugar onde ficar inmóbil" recolle as inquedanzas dunha etapa da súa vida, xusto ao rematar a carreira de xornalismo. "Foi unha etapa dura, de aí a visión negativa do poemario", explica a autora. O libro recolle unha profunda crítica da "sociedade individualista", da falta de empatía e da "opresión" da muller. Porén, os poemas invitan ao lector á loita: "É un lamento que encamiña á acción, a voz poética deixa de lamentarse e prepárase para loitar". 

A loita ten un forte carácter feminista, xa que a poeta non se esquece da súa condición de muller: "É un dos temas centrais. A sociedade oprime a certos grupos e, entre eles, ás mulleres. A voz poética reivindica o papel feminino". Ademais, "O único lugar onde ficar inmóbil" tamén reflexiona sobre as perdas, amorosas e emocionais, o amor, ou a maternidade. Nogueira  afirma que, dalgún xeito, a elaboración e publicación deste poemario axudouna a exteriorizar as súas "teimas" particulares, a modo de "catarse", e comezar a centrarse "noutras cousas". Agora, mentres presenta o seu libro en diversos puntos da xeografía galega, xa está pensando no futuro. "Estou facendo unha cousiña para unha antoloxía de poetas mulleres e tamén estou probando na literatura infantil", adianta Nogueira.


Música, poesía e sorpresas


A cervexaría Moucho acolle mañá, a partir das 19,00 horas, a presentación do poemario "O único lugar onde ficar inmóbil". No acto falará o editor da obra, así como a poeta ourensá Rochi Nóvoa, unha das poetas que máis admira Nogueira.Tamén haberá oco para a música cun recital que misturará as verbas cos acordes dunha cantautora: "Faime moita ilusión presentar na miña cidade, pero tamén teño un pouco de medo!".n

Te puede interesar