CONCERTO

Os luns soan á música do Auriense

uploaded_cultural_result
photo_camera O escenario ao que esta noite se subirán os músicos no Auriense.

Dende fai dez anos, unha "jam session" serve ao Auriense para celebrar o último luns de cada mes. Unha cita imprescindible. 

O nome do Café Cultural Auriense xa revela o que o espectador se vai atopar alí. A cultura, especialmente a música, é a protagonista deste local da praza do Correxidor, que nos últimos 16 anos, baixo o mandato de David Paz, atesora xa máis de 1.400 concertos, alomenos 100 cada ano.

Hai citas do Auriense que están marcadas no calendario: o último luns de cada mes é unha delas. As "jam sessions" levan xa uns anos consolidadas como unha das opcións musicais máis interesantes do comezo da semana na cidade. "Non é  coma un sábado, pero normalmente está cheo, hai días que se xuntan máis de 100 persoas", conta Paz, que asegura que "a gran época destas sesións, o verán, está a piques de chegar". 


Máis que un concerto


Dez anos levan celebrando esta reunións e esta noite, o Auriense festexa a Jam Session número 110. "Nunca tivemos que suspender, aínda que si é certo que hai noites nas que custa máis", explica Paz. E é que coma mandan os cánones deste tipo de concertos informais, non hai plan previo. Pode participar calquera músico que queira ser escoitado: "So é unha xuntanza de músicos que improvisan. Uns traen pezas preparadas, outros mezclan cancións... non se pode anticipar nada". Acostuman  a comezar a tocar ás 22,00 horas, pero hai veces "que temos que esperar un pouquiño máis para que cheguen músicos". 

Nestas citas téñense xuntado grupos dos cinco continentes: "Desde os coñecidos La Pegatina ate músicos australianos, xaponeses ou senegaleses", conta o xerente do local.


110, e as que están por vir


O obxectivo de Paz, desde o comezo das "jam sessions", foi "dinamizar a cultura e ofrecer un espazo aberto á cidadanía". Unha proposta que se consolida e que pretende seguir sendo a raíña dos luns. Confesa Paz que "a miña intención é xubilarme no Auriense". 

Te puede interesar