Axenda Cultural

“Mar e Terra", o resumo dunha vida

20180814210729579_result
photo_camera Xulio Fontes inaugura "Mar e Terra", a súa 36º exposición.

A colección "Mar e Terra", que viaxa polos escenarios vitais para Xulio Fontes, mostrarase na Casa dos Poetas de Celanova

A Casa dos Poetas de Celanova acolle unha exposición do artista ourensán Xulio Fontes, "Mar e Terra", organizada pola Fundación Curros Enríquez e que se inaugurará o vindeiro venres 17 a partir das oito da tarde.

Fontes, veciño de Quintela de Leirado, recolle nesta obra "un total de 14 cadros, así como 12 esculturas, que constitúen un perfecto resumo da miña vida, que pasou entre o Mar de Vigo e a Terra de Quintela". 

Xulio conta cun ampla traxectoria, conformada por 36 mostras realizadas, "na súa maioría individuais". Os seus inicios no plano artístico remóntanse a súa infancia, pois "con doce anos xa gañaba certames de debuxo", explica o pintor.

Esta non será a primeira vez que ensina as súas creacións na Casa dos Poetas, xa que "fai once anos tiven a oportunidade de  presentar os meus traballos na Casa de Curros, un lugar que siginifica moito para min por ser veciño da zona. É o santuario da palabra, polo que é un orgullo que o meu arte comparta espacio cos recordos e vivencias do escritor celanovés", sinala Fontes.


Dentro da intimidade de "Mar e Terra", o autor destaca dúas pezas "especiais" pola súa significación e nas que fai un guiño as súas raíces.


Unha delas é "toda unha panorámica de Forxá, a miña aldea. Con esta obra transpórtome aos primeiros anos da miña vida, que me influiron en gran medida", indica o veciño de Quintela de Leirado.

A outra obra con moito significado para Xulio é "unha pintura da serra de Penegache, un dos lugares máis importantes para min a nivel persoal e que máis me axuda a crear e a inspirarme".


En canto ao seu estilo artístico, Xulio recoñece que a súa é "unha pintura de creatividade", que se nutre de sinxelos momentos como "dar un paseo", pois "son unha persoa moi observadora e xórdenme ideas novas a cada intre".


Neste sentido, a súa evolución está moi influenciada polas grandes etapas da súa vida, sobre todo a súa infancia, así como polos feitos vitais que marcaron a súa obra: "A miña evolución na pintura foi moi brusca, pasando de empregar tonos oscuros e lúgubres a decantarme nos últimos tempos por pezas máis vivas e coloridas".

Te puede interesar