AXENDA CULTURAL

Navegar cara o feminismo

Xurxo Souto
photo_camera O escritor e músico coruñés Xurxo Souto.

Xurxo Souto presenta o seu novo libro no que o mar e a muller comparten o protagonismo dunha historia que oscila entre o mito e o real

O músico e escritor coruñés Xurxo Souto presenta esta tarde na asociación Andén Primeiro o seu sexto libro, "A gran travesía de Chiruca Macallás". 

Unha historia coa que continúa o diálogo iniciado hai vinte anos en "Retardo dos Homes Mariños". "Estou escribindo sempre a mesma historia. Aínda que nacín preto do mar, a miña educación foi un fraude, totalmente terrícola, o que me leva a facerme preguntas e querer saber máis sobre o océano", sinala o escritor.

Un universo mariño moi presente nas súas historias, pois "ao igual que Staffan Morlïng, eu tamén creo que Galicia constitúe o centro do mar e non o fin do mundo".


"A gran travesía de Chiruca Macallás" é un exercicio "novidoso" no que todas as protagonistas son mulleres: "Trátase dunha reivindicación á figura da muller así como de visibilizar todo o traballo invisible que realizan", defende o escritor


Neste sentido, a novela de Souto persegue o empoderamento feminino a través da súa protagonista, unha patroa de barco obrigada a superar todos os límites patriarcais que a rodean. "É moi contraditorio, porque as mulleres son as encargadas de manter vivas as rías galegas e sería normal que puidesen capitanear unha embarcación, mais esto non ocorre", indica o escritor. 

Unha protagonista, Chiruca, inspirada en Mercedes Peón, unha serea negra en alusión a "todos os senegaleses que navegan polas nosas augas", ou unha única cidade conformada por Vigo e A Coruña son algúns dos aspectos que mostran como Souto combina neste traballo a mitoloxía e a ficción coa propia realidade.

"Sempre procuro descubrir todo o que me rodea porque considero que somos iguais, da igual que vivamos en Teis, Oza ou Entrimo. Temos que superar o descoñecemento que nos separa", conclúe o autor. 

Lugar: asociación Andén Primeiro, avda. de Marín

Hora: 20,00

Te puede interesar