AGENDA

Noite de foliada no Liceo

20180222210505350_result
photo_camera Unha das foliadas de Venrespirar, na Ponte Romana.

A agrupación Venrespirar abre esta noite na cidade a súa XIV edición; festas participativas onde o público toma un rol activo 

No pasado, en Galicia, as foliadas eran un símbolo do traballo. Ao acabar a xornada, eran comúns as xuntanzas para cantar, bailar e relacionarse cos demáis traballadores. A agrupación Venrespirar recupera estas celebracións e rememora así a esencia da tradición rural. Este ano é a súa decimocuarta edición organizando foliadas na contorna urbana de Ourense.  Hoxe no Liceo ás 22,00 horas comeza a temporada cos grupos Lubicáns e Candaira.

Carme Míguez, secretaria da asociación cultural Algarabía e unha das organizadoras destas festas participativas, conta que cos anos estas citas teñen cada vez máis seguidores. "Tivemos que ir cambiando as localizacións en función da afluencia; ao principio eramos 20 ou 30 persoas, pero nos últimos anos xuntámonos máis de 200". 

Con seguridade un dos principais atractivos das foliadas é que o público toma un rol activo, cantando e bailando cos artistas. "Non quedas como un mero espectador, e por iso gusta a todas as idades". 

Trátase dunha festa tradicional itinerante porque se cambian os diferentes espazos da cidade, sempre vencellados a prazas públicas e locais colaboradores. Celebrarán catro foliadas máis ata xuño.

Os grupos de esta noite son dous habituais de Venrespirar."Lubicáns son fieis colaboradores, gústannos moito porque fan un repertorio moi escollido da provincia". Este grupo encárgase de revalorizar e difundir o que era o repertorio dos gaiteiros ourensáns, co seu "toque pechado". Como curiosidade, o nome do grupo é unha verba empregada na zona da Limia para referirse ao lince.

Pola súa banda, Candaira son orixinarios de Castrelo do Val. Esta agrupación fórmana máis de 50 persoas de toda a comarca de Monterrei, con actuacións en festivais como Rebulir e Braga. 
 

Te puede interesar