TEATRO

"Nós facemos humor brutiño"

patoti_2_result
photo_camera As actrices de "Monstruación", nunha das escenas da obra.

Despois de "No es país para coños", Enconarte Producciones segue a mesma liña con "Monstruación", onde combaten o tabú da regra

"La Juana", "a amiga", "estoy con la Julia", "monstruación", "la visita del querido Andrés que viene cada mes"... Son só algúns dos moitos nomes que recibe a menstruación na xerga popular, un tema que segue a ser tabú. Tamén se foxe de representala coa súa cor, e no seu lugar empregase, nos anuncios de compresas e tampóns, o azul. Fai apenas nove días unha empresa británica anunciaba que comezaría a empregar o vermello nos seus spots publicitarios. Ao respecto do cal, Déborah Vukusic opina que "deberían facerse anuncios máis naturais, eu non vou pola rúa facendo o pino". 

Ela é unha das actrices de "Monstruación", unha obra de Enconarte Producciones que se representa mañá en El Cercano, en dous pases: ás 21,00 e ás 22,30 horas.


"Monstruación"


Despois do éxito de "No es país para coños" decidiron que había que facer algo novo. "Queriamos falar da regra, empregando a mesma linguaxe directa, visceral, sen filtros, ou como nos dicimos: 'Facemos birra teatro, non café teatro", explica Vukusic. 

Ela, Rocío Romero e Arantxa Treus son a Barbie, a Nancy e a Barriguitas, tres bonecas que son abandonadas pola súa dona cando comeza a ter o período. "Elas non saben o que pasa, pensan que a rapaza ten diarrea porque a nai trae unha gasa moi grande e non pode ir á ximnasia rítmica porque lle doe a barriga. Barbie, que xa é adolescente, explícalles as outras que é a regra e que xa non volverá xogar con elas, porque agora é unha muller", explica Vukusic. A partir dese momento, fan manifestacións e reivindican "que elas queren ter perrecha". 

A través desta historia, dirixida por Marián Bañobre, queren normalizar a regra. Escenifican como é a vida menstrual en mulleres diferentes: "A que a sofre, a que nin se entera e que case non a tivo porque estivo media vida parindo", di Vukusic. Elas representan os estados polos que "pasamos todas as mulleres ao longo do mes: a semana da tristura e os choros, a dos antoxos e a sucesiva comellona ou a da histeria, nerviosismo e irascibilidade", e todo contado sen tapuxos. Como di  Déborah Vukusic,"nós facemos humor brutiño". 

Te puede interesar