AXENDA

"Nós facemos remover as ideas"

OURENSE. 12.07.2016 PZ SAN MARCIAL, CONCERTO SONORO MAXIN. FOTO: MIGUEL ANGEL
photo_camera O Sonoro Maxín, nun concerto na cidade.

O grupo ourensán O Sonoro Maxín continua a celebrar o seu décimo aniversario. Este venres tócalles parada na súa cidade, no café bar El Pueblo

O grupo ourensán O Sonoro Maxín celebrou no ano 2017 o seu décimo aniversario, e tal evento merece unha celebración. Para a ocasión, sacaron un novo álbum, "Se7eDezase7e", e os concertos de Ico e os seus seguen repetíndose meses despois, co mesmo éxito. 

"En moitos sitios nos queren, pero en Ourense sentimos un calor especial", confesa Ico,  cantante desta banda que, entre outros estilos, caracterízase polo ska. A seguinte cita é este venres no Café Bar El Pueblo, a partir das 22,30 horas, un local "referente da escena musical da cidade", asegura o membro de O Sonoro Maxín. Logo voltarán á cidade o cinco de maio, no Auriense co grupo ITH, "uns colegas cos que mantemos unha relación de apoio mutuo". 


Dez anos de actividade


Despois dunha longa traxectoria profesional, di Ico que o grupo "mellorou musicalmente, pero non menos importante é a amizade que construímos nesta década". Os seus sons inundaron as salas de toda Galicia, pero tamén retumbaron en Portugal, e mesmo en Alemania, "metendo a cumbia nas salas", recorda Ico.

A ilusión non se perde traballando, de feito, os ourensáns seguen a sentir "cóxegas no estómago, nas mans; sen iso, a historia do grupo deixaría de ter sido escrita fai moito tempo; a clave é a ilusión que temos antes de cada cita co noso público",  di Ico. 

Con O Sonoro Maxín cada concerto é distinto, en especial os de agora, cos que celebran a festa do seu décimo aniversario. Un directo de dúas horas obriga ao público a danzar ao son da súas cumbias e merengues, citas as que Ico anima a asistir porque "nós facemos remover os pés, e as ideas; a nosa carta de presentación é que ofrecemos unha sesión divertida, cancións positivas e unha crítica construtiva".

O Sonoro Maxín percorrerá Galicia enteira, desde A Coruña ata A Guarda. Pero como xa se sabe, como na casa en ningún sitio. 

Te puede interesar