OCIO

As ondas da radio estarán na rúa

uploaded_liverdade_result

Unha ducia de persoas forman Radio Liverdade, un proxecto que difunde a cultura "con moito cariño". Mañá estarán na Praza Maior

Este martes daban comezo as actividades organizadas no marco de VeránEarte 2018, postas en marcha grazas ao Espazo Cultural Alternativo (EsCuA). Durante este xullo e o vindeiro mes de agosto desenvolveranse en diferentes recunchos da cidade máis de 30 actividades, como concertos, obras de teatro e obradoiros de iniciación a diversas técnicas. Por iso, Radio Liverdade sairá mañá á rúa para que "a xente vexa o que facemos e se anime a colaborar con nós", explica Emilio Rodríguez, un dos implicados neste proxecto. O espazo elixido son as escaleiras do Museo Arqueolóxico, na Praza Maior, ás 19,00 horas. 

Esta radio traballa en torno ao formato podcast e todas as súas pezas pódense escoitar na súa páxina web: https://radioliverdade.wordpress.com/. "Aquí temos programas, eventos dos colectivos de VeránEarte, charlas, concertos e tamén facemos colaboración con outros medios, como Radio Fedello e a revista Orballo", explica Rodríguez. Este proxecto comezou "facendo obradoiros para ensinar á xente as ferramentas que temos e que poñemos a súa disposición, como explicar o xeito de facer unha escaleta ou técnicas de son". Así, todos aqueles que teñan unha idea creativa ou queiran contar algunha historia, poden achegarse ata o seu local, A Galleira, sito na praza de San Cosme. "Aquí facemos moitas cousas, pero podemos movernos e temos un bo son, aínda que o noso equipo sexa mínimo". 

Un dos seus programas estrela é "A Toupeira", un espazo cultural-musical que "dirixe un rapaz que traballa na Arca da Noe e fai entrevistas cos artistas que van ata este local, crónicas musicais, e todo con moito cariño, que é o que nos gusta", explica o locutor de Liverdade.

Mañá, os integrantes desta canle, "somos unha ducia, máis os colaboradores esporádicos", saen á rúa para ensinar á xente "todo o que se pode facer cos mínimos recursos, dar voz a representantes das asociacións participantes en VeránEarte" e animar a xente a que faga radio e participe na trintena de actividades de EsCuA. 

Te puede interesar