AXENDA CULTURAL

Quere esquecerse de todo o vivido?

me_result

A Casa da Cultura de Barbadás acolle hoxe, a partir das 19,00 horas, a estrea da última obra da compañía ¡Abran Paso! 

A nova directora da compañía ¡Abran Paso!, Francisca Abeledo, quixo propoñerlle un reto ao equipo actoral e puxo nas súas mans o guión de "O anel máxico". A obra, escrita por Cándido Pazó, forma parte do xénero renacentista "Commedia dell'Arte", caracterizado pola esaxeración duns personaxes estereotipados. Dende o elenco non o dubidaron e comezaron a traballar no proxecto, tal e como explica Nieves Pérez, unha das actrices protagonistas: "Queriamos facer algo distinto, despois de tocar clásicos como 'Historia de una escalera' ou 'Magnolias de acero' e aceptamos encantados".

A historia, cargada de enredos e equívocos, presenta a Arlecchino, que marcha da súa casa coa decisión de suicidarse. É entón cando alguén lle propón un trato: poñerse un anel máxico e esquecerse de todo. "Por un lado, suceden cousas moi boas, porque se esquece do dano que lle causaron os demais, pero tamén se lle borran os bós recordos vividos", explica Pérez. Durante a súa aventura, o protagonista convivirá cun variado abanico de personaxes. Entre eles, Arxentina, a súa muller, que se sinte culpable pola dor do marido; o fanfarrón Milhomes, que se asusta facilmente ou a deslenguada Brillela, que non ten medo de dicir todo o que se lle pasa pola cabeza. "É unha comedia moi divertida, que pretende facer rir e de paso ensinar. Un plan perfecto para un domingo caluroso: pasar un rato agradable, ao fresquiño, no teatro", comenta. 


¡Abran paso!


O nacemento da compañía teatral ourensá aconteceu durante un obradoiro con Loly Buján no ano 2000, pero non sería ata o 2005 cando se constituiron oficialmente como grupo. A dirección estivo a cargo de Esther Movilla-Castillo ou Carlos Otis, antes de Abeledo. A sede da agrupación, o seu lugar de traballo, está no Espazo Xove da capital, onde participan en todas as súas actividades, como "24 horas de teatro". Ademais, a compañía realiza obras benéficas para diversas asociacións da cidade. 

Te puede interesar