Axenda cultural

A reivindicación da poesía está na rúa

FotoJet
photo_camera Antía Balvís e Carlos da Aira recitan as súas pezas no Renque.

Oito poetas protagonizan o roteiro "Paseo das Letras". Cada un terá dez minutos para amosar as súas creacións, ao longo do Casco Vello. 

Este xoves a poesía sae a rúa. Escoitaránse versos en varios espazos da cidade, grazas ao "Paseo das Letras", unha actividade de EsCuA no marco de veránEarte. No "Paseo das Letras" participan oito  poetas a partir das 20,00 horas, cun tempo de 10 minutos por persoa e con saída da Praza da Ferrería, onde será o turno de Alfonso Rodríguez, para seguir na rúa da Barreira, con Antía Balvís, que leva escribindo poesía desde os 15 anos e, aos seus 18, é unha das máis novas que participan esta tarde: "Vou recitar 3 ou 4 poemas, cunha temática centrada na loita social, pero tamén outros máis intimistas". Para ela, esta é unha actividade "moi interesante, porque move a poesía á rúa e incita a que a xente se pare a escoitarnos", explica. 


En terceiro lugar será a quenda de Carlos da Aira, nas escaleiras do Arqueolóxico: "Adoito acompañar os meus poemas de música de fondo, con aparellos que emprego, pero tendo un tempo asignado para cada un, prefiro só ler".


Aínda non sabe que pezas recitará, "porque o que me fai elixir é o meu estado nun momento puntual", conta o poeta. Con tres liñas de creación -"a crítica social, a máis intimista ou estética e a erótica"-, son os poemas da primeira os máis frecuentes nas súas aparicións en público. "Hai temas que están de actualidade, por desgraza, como a falta de resposta de Europa ao problema da migración", así que, espérase que leve a súa intervención por este camiño.

Belem de Andrade, Anxo Boán e Concha Rousia farán as súas intervencións ata chegar á Praza do Sal, onde estará Tamila Alem. Os seus  poemas son de temática feminina e social e están recollidos  no libro "Tremenda Muller", aínda que non ten claro que pezas escollerá.

O que si ten seguro é que "a miña poesía é directa e clara, porque eu quero que chegue a todos os públicos, non coma antes, que só chegaba as élites", di Alem, que compón "cando hai unha situación de alarma e algo me desestabiliza".  O roteiro, que se chove celebrarase no Grandola, rematará con Iolanda Aldrei. 

Te puede interesar