Axenda cultural

"Santoalla' amosa a idiosincrasia galega"

margotgoob_result
photo_camera Estrea internacional do documental, no Festival de Cine de Edimburgo, no 2016.

A produtora Cristina de la Torre conta como foi a gravación de "Santoalla", o documental que amosa unha convivencia que rematou en asasinato. 

"Entendo que quedan demostrados uns feitos, pero non cuestiono nin valoro a sentenza. O único que se pode facer é sacar unha conclusión como comunidade: debemos aprender a convivir". Estas son as palabras de Cristina de la Torre, xornalista e produtora do documental de non ficción "Santoalla", que se proxectará esta noite no Museo Etnolóxico de Ribadavia,no marco das Marxes Fílmicas, ás 21,30 horas, con  entrada é de balde.

Esta programación tamén vén a propósito da sentenza que condenaba a 10 anos e medio de cárcere ao acusado polo crime de Martin Verfondern, Juan Carlos Rodríguez González. Tamén haberá un coloquio coa produtora, que anima á xente a asistir a esta cita: "É necesario ver o documental, porque mostra a idiosincracia de Galicia".

De la Torre chegou case de casualidade a este proxecto, cando "os directores- Andrew Becker e Daniel Mehrer- contactaron conmigo para participar no proxecto, en parte porque eles son de fóra e eu sei galego". Asegura que desde o primeiro momento a súa implicación foi do 100%, "tanto a nivel profesional coma persoal, pois como veciña é algo moi emotivo".

Todo o que se pode ver neste documental, que inagurou o OUFF do 2016, é real. De feito, a realidade foi a que os sorprendeu en mitade da rodaxe, cando apareceu o cadáver de Verfonfern: "Pillounos este acontecemento no medio da rodaxe é foi unha oportunidade fílmica, porque se desvelou esta parte da historia tanto para nós como para o espectador, e soupemos manter a tensión emocional que sentimos".

De la Torre tamén conta como foi o proceso de recopilación da documentación: "Fixemos un documental da convivencia de dúas familias, e todos foron moi xenerosos". 

Recorda a produtora que a relación cos Rodríguez foi moi boa, coa súa colaboración ata a detención de Juan Carlos. "Tras o descubrimento do corpo, as entrevistas cobraron un matiz máis profundo. É normal, coa violencia calquera posición perde lexitimidade". 

Te puede interesar