AGENDA 19 ABRIL

"Temos que ser máis felices"

O poeta Luís Valle perdeu ao seu pai e converteu a dor en versos recopilados en tres poemarios. Hoxe presenta o último deles. 

"A poesía busca un relato moi honesto, espirse para poder comprender a un mesmo". O poeta lucense Luís Valle decidiu empregar este xénero literario para falar dunha perda, a do seu pai. 

"Este tipo de escritura dáme as ferramentas para comunicar dun xeito concreto, é útil para ser honesto comigo", explica Valle, que se atopa na promoción de "Para que eu beba", a terceira entrega dunha liña de poemas que comezou con "Fedor" e seguiu con "As cicatrices do Sol". O poeta , da man de Vía Vella, presentará a súa última obra esta tarde no local da asociación Andén Primeiro, ás 20.30 horas.


A perda dun ser querido


Luís Valle comezou a escribir este poemario cando o seu pai estaba enfermo de cancro, e sentiu a necesidade de falar das emocións que experimentou unha vez que o seu pai finou. "Dedicarlle estes poemas ten que ver co tempo que compartimos", di Valle, que confesa, "é un libro de medos, cos que dialogo, porque é importante recoñecer todos os aspectos da psique".


20180418215711876_result“Para que eu beba"


 "No poemario hai vitalismo, pero tamén hai un relato de horizontes íntimos, duros e tristes, aínda que ao final  o 'eu' poético é o máis humano".  A pesar da dor, Valle tamén anima aos lectores deste poemario a "ser máis felices, aceptarnos como somos, porque iso permitiranos ter unha vida máis plena".
A referencia á bebida no título anticipa un dos símbolos centrais dos poemas: "Ten que ver cun estado máis preciso da conciencia, non alterado, no que te das conta de máis cousas". De feito, dentro da lírica universal, asegura que "os poetas sempre falaron de ebriedade".


Un artista diferente


O poeta lucense non só escribe  poesía senón tamén se inclina polas artes plásticas: "Debuxo escenas que me imaxino que vive o meu 'eu' poético, algo que me resulta moi útil par acabar de ver un poema, por exemplo". As súas palabras tamén o fan un artista diferente, empregando versos libres e brancos que definen o seu estilo, a "prosa poética". 

Te puede interesar