Axenda cultural

A valentía de Elisa e Marcela

20180719175806810_result
photo_camera Ailén Kendelman, Areta Bolado e Noelia Castro, na obra "Elisa e Marcela".

Chega ás táboas da MIT a historia de dúas mulleres que se enfrontaron co seu amor ás cadeas da sociedade de comezos do século XX. 

Elisa e Marcela foron dúas mulleres que se namoraron e casaron. Pero fixérono no 1901 e pola igrexa, na de San Xurxo de A Coruña, convertíndose no primeiro matrimonio homosexual rexistrado en España. Foi posible grazas a que a primeira se cortou o pelo e cambiou a falda polo pantalón.

Deixaron así de agochar a súa relación, que non estivo exenta de críticas e burlas en Dumbría, onde eran mestras. Os medios tampouco ocultaron a súa sorpresa. "Os xornais da época comezaron a contar historias sobre elas, e a presión foi tal que tiveron que fuxir a Portugal", explica Areta Bolado, actriz de "Elisa e Marcela", onde contan a historia destas mulleres, que levará ao cine Coixet, nun filme con protagonismo para Celanova a través de varias localizacións. 

Este é o terceiro espectáculo de Noelia Castro, Ailén Kendelman e Bolado coa compañía A Panadaría e mañá poderase ver no auditorio do Castelo, no marco da MIT, ás 23,00 horas. A perspectiva da obra pode sorprender ao espectador: "Aínda que a xente espera un drama, para nós era importante resaltar que elas conseguiron o que se propuxeron e que houbo un final feliz", explica a intérprete. Por iso o xénero elixido é comedia. A intención da Panadaría  con esta obra tamén era visibilizar as relacións homosexuais. 

"Non se acostuma falar destos temas, no cine tampouco hai unha gran visión. Ao longo da obra vese como se desata a paixón entre Elisa e Marcela e mesmo hai un 'Kamasutra' lésbico. Isto é importante porque a xente segue escandalizándose cando ve a dúas mulleres da man, e as lesbianas non son amiguiñas. Teñen sexo".


“Todas facemos de todas"


E quen é Elisa e quen Marcela nesta función? "Tiñamos claro que as tres íamos estar en escea, e por iso todas facemos de todas". A través da comicidade, "onde nos sentimos máis cómodas", suben aos escenario esta historia, que lles trouxo catro galardóns nos últimos María Casares, entre eles, o de mellor actriz protagonista para Bolado. "Alén dos galardóns, a satisfación é a cantidade de público que estamos vendo, e que se coñeza a historia de Elisa e Marcela". 

Te puede interesar