Os vellos que non podían ir á misa

Dibujo
photo_camera Virxe do Carme, peza do mes.

O Arqueolóxico presenta as 20,00 horas a peza do mes, que estaba na capela que uns señores fidalgos do  S. XVIII fixeron na súa casa.

Historias de velliños que non poden ir polo seu propio pé á misa de domingo hainas a moreas na provincia. A peza do mes do Museo Arqueolóxico, que se presenta ás 20,00 horas na sala "Escolma de Escultura"en San Francisco, agocha un destes relatos. Belén Lorenzo Rumbao explicará os segredos da talla da Virxe do Carme que presidía o retablo da capela de Alongos, en Toén. 

"É unha peza case inédita, estivo pouco tempo exposta no Museo nos anos 70", conta Lorenzo Rumbao. E 70 tamén eran os anos de Francisco Feijóo e a súa muller en 1762, cando o bispo Francisco Agustín de Eura outorga licencia para edificar unha capela na súa casa: "Que dista un quarto de legua de la Iglesia Parroquial...y no sin bastante travajo se llega a ella, mayormente en tiempo de hinvierno, ...y que el suplicante y su muger se allan septuagenarios en la edad, y algunas vezes se quedan sin poder oir la misa en los días festibos"; di o documento custodiado no Arquivo Histórico Provincial.

"É parte do encanto desta peza. Os señores Martínez Feijóo vivían no barrio de Outeiro, en Alongos, facían un longo percorrido ata a igrexa e había un regato polo que lles custaba pasar", engade Lorenzo Rumbao, que fixo este percorrido para comprobar a dificultade que se lles presentaba a esta familia do século XVIII. O fogar dos septuaxenarios chamouse despois Casa de Saco, por nacer nela o presbítero humanista Saco y Arce. E a Virxe do Carme era a imaxe á que

se lle adicaba a capela. "É unha peza de moi boa calidade, en estilo rococó, que tende a buscar a beleza; dinámica", define a autora da presentación.
Tallada en madeira de nogueira e policromada, representa unha muller nova, de longa melena, cun velo e coroa. Na man dereita ten un escapulario, na esqueda suxeita ao Neno, hoxe perdido.

"A vocación da Virxe do Carme, sobretodo en Galicia, é de época moderna", engade Lorenzo Rumbao.
O Museo Arqueolóxico de Ourense comprou o retablo e as súas imaxes en 1967, ao anticuario ourensán Venerando Lamas Vázquez, por 130.000 pesetas.
Aínda que se descoñece a data e a autoría da capela e do retablo, os arquivos sinalan que as obras solicitadas por Francisco Feijóo remataron o 22 de setembro de 1764, cando pide celebrar a misa alí, no seu fogar. 

Te puede interesar