AGENDA 15 DE ABRIL

"Woyzeck" xa ten o seu final

WK-TeatroUSCLugo-vivalugo15032018-_MG_17833
photo_camera Espectadores participan na representación de "WK".

O seu autor morreu sen acabala. Case dous séculos despois, universitarios do Campus de Lugo levan a obra ás táboas. Hoxe, no Principal

No ano 1837 falecía Georg Büchner deixando inconclusa a súa obra de teatro "Woyzeck". Foron moitos os que co paso dos anos deron finais diferentes a esta historia, "considerada unha das primeiras pezas contemporáneas", explica Paloma Lugilde, directora de la adaptación "WK", que esta tarde terá dous pases no Teatro Principal, ás 19,00 e ás 20,30 horas, dentro do ciclo da Miteu 2018. Büchner rompeu coa tendencia de personaxes protagonistas asociados á nobreza e creou a Woyzeck, un home de clase baixa, inspirado nunha historia real. 


O público en "WK"


"Woyzeck é un home oprimido e explotado laboralmente, que mata a súa muller e despois alega ter esquizofrenia", conta Lugilde. Esta historia debe entenderse no contexto dunha sociedade que se volveu cómplice do crime, por iso nesta obra é tan importante o papel do público.

Os espectadores sitúanse no escenario e participan de maneira activa no devir dos feitos. "Ao público trasládaselle unha pregunta cando presencian unha escena de violencia de xénero: 'Somos espectadores pasivos ou actuamos ante situacións reais deste tipo?", pregúntase a directora da obra. 

"WK" inaugurouse no Festival de Teatro Universitario de Lugo en febreiro, e dende entón "a resposta do público está sendo moi boa". Os personaxes da obra de Büchner cobran vida grazas ao traballos de seis actores universitarios, de entre 19 e 26 anos,  que tiveron que someterse a un adestramento moi esixente.

"É unha obra que require moita implicación; os rapaces tiveron que aprender técnicas de samurais, acrobacias, traballar con baras e tamén practicar danza", narra Lugilde, que confesa ademais que Ourense é "unha parada especial , cunha tradición teatral moi importante". 

Te puede interesar