RECICLAXE

Os alaricanos reciclan o 40% de todo o lixo que producen

<p></p>
photo_camera De esquerda a dereita, Francisco García, Cristina Herrera, Bernardo Varela e Antonio Pou.

O Concello fai un balance positivo do Programa RE, que cumple un ano da súa posta en marcha

Os veciños de Allariz reciclan o 40% de todo o lixo que xeran, para este ano o Concello marcouse o obxectivo de chegar ao 50% e fíxase a meta do 80% para o ano 2020. Estes datos foron facilitados onte polo alcalde alaricano, Francisco García, e o concelleiro de Medio Ambiente, Bernardo Varela, na presentación do balance do Programa RE de separación de materia orgánica, que cumple agora un ano.

Este proxecto pioneiro de reciclaxe de lixo e separacion de materia orgánica dotou aos veciños con composteiros individuais e creou unha rede de composteiro comunitarios. Neste momento a vila conta con 24 illas de compostaxe ubicadas na zona urbana e máis de 130 composteiros. Ademáis, púxose en marcha a máquina de tratamento de materia orgánica, no parque empresarial de Chorente, á que vai destinada a recollida porta a porta de materia orgánica de grandes productores, como hostaleiros e comerciantes.

Bernardo Varela resaltaba que o programa está acadando "cifras esperanzadoras", xa que un 40% do lixo se está a reciclar e recuperar nas distintas fraccións como orgánica, papel- cartón, vidro e envases e plásticos. Neste ano produciuse un incremento sustancial en todas as fraccións, aumentando a reciclaxe do colector amarelo (plásticos e envases) nun 12%, a do papel-cartón, nun 8% e a do vidro, nun 12%. "Somos posiblemente un dos concellos galegos que máis recicla", asegurou Bernardo Varela, quen sinalou que "atendendo a que a media galega de recollida de lixo supón uns 12 kilos por habitante ao ano, neste momento enAllariz estamos a triplicar esta cantidade, chegando a 31,4 kilos por habitante e ano".

O Programa RE supuso, entre maio e decembro de 2016, unha reducción de 9.000 euros na factura que lle pasa Sogama ao Concello pola recollida de residuos sólidos urbanos -factura que acada un total de 160.000 euros ao ano- e para 2017 o Concello agarda un aforro semellante. De tódolos xeitos, Bernardo Varela considera que "aínda queda moito por facer" e indicou que contemplan unha segunda fase de reparto porta a porta do caldeiro marrón no que se recolle a materia orgánica e ademáis, o concello centrará os esforzos na recollida de grandes productores.

O alcalde alaricano, Francisco García, resaltou o papel da Reserva da Biosfera de Allariz como "campo de experimentación de boas prácticas", xa que é o marco no que se desenvolven programas que serven de estímulo á producción local, fomentan o turismo, con iniciativas como o Festival de Xardíns ou promoven a concienciación social, como o Programa RE.

Para Francisco García, Allariz está a "xerar unha economía circular coa xestión do lixo" e o aforro que se consi gamos na factura de Sogama -que algúns meses chega aos 18.000 euros, como é o caso de agosto- "podémolo destiñar a contratación de persoal.

Rede de diálogo para compartir coñecementos

O Programa RE enmarcase  nunha rede de intercambio de coñecementos, denominada Diálogos RB.net, cuxo obxectivo foi exposto pola coordinadora do proxecto, Cristina Herrero, e o membro do equipo de traballo Antonio Pou. Herrera sinalaba que estanse a recoller datos de cinco iniciativas de sustentabilidade que se están a desenvolver  noutros tantos puntos de España, entre eles Allariz, co fin de reunir coñecementos e compartilos "para levar a cabo a elaboración de novos coñecementos".

Te puede interesar