EDUCACIÓN

Allariz monta festa para loitar pola 3ª aula infantil

Os pais afectados solicitaron unha reunión coa delegada de Educación en Ourense o vindeiro luns 3 de setembro

Continúan en Allariz os actos reivindicativos para solicitar unha terceira aula de 4º curso de Educación Infantil para o próximo curso escolar no CEIP Padre Feijóo. Neste caso, o Fogar dos Maiores será o escenario dunha festa amenizada polos músicos Leo Arremecághona e Peter Punk. Durante o evento, que contará tamén con xogos populares e unha merenda, procederase á lectura do manifesto no que reclaman a creación desa nova aula para dar atención ós 51 alumnos matriculados. 

Será mañá, mércores, a partir das 19 horas e suporá o broche final a todas as actividades organizadas coa fin de atender esta petición veciñal. Xa o pasado xoves, vehículos e balcóns da vila amenceron decorados co pano da Festa do Boi e o lema "Quero tres aulas", unha frase que tamén circula polas redes sociais. Foi deste xeito como, veciños e comerciantes da vila, amosaron o seu apoio á reclamación dos pais. 

A partir do próximo martes, día 4 de setembro, a ANPA trasladará as súas protestas á Delegación Territorial de Educación en Ourense, se ben agardan poder reunirse coa responsable, María Luz Fernández, o luns, día 3, para "achegar posturas".

Te puede interesar