CRÓNICA

Ánimo e adiante, Paco!

Ata a bandeira estaba onte o salón de plenos de Allariz para despedir a Francisco García. O veterano político nacionalista dixo adeus a 18 anos á fronte do municipio, sendo responsable directo da súa transformación.

Aplausos e aclamacións encheron onte os silencios que, obrigados pola emoción, tivo que realizar Francisco García na súa última intervención como alcalde de Allariz. Ninguén faltou á cita na casa consistorial, que volveu ser tomada como outrora para acompañar ao que foi o faro de luz nestes 18 anos de transformación alaricana. 

A emoción palpouse desde o momento no que puxo o pé no salón, onde estaba a súa familia, compañeiros como Alfredo Suárez Canal e  Anxo Quintana, quen liderou con el a revolución do verán do 1989, e novas promesas como Noa Presas, así como amigos e veciños, moitos dos cales nunca asistiran a un pleno, pero que non quixeron perderse a despedida do seu alcalde. Honestidade, honradez, boa persoa e traballador foron algúns dos cualificativos que os asistentes lle dedicaron nos minutos antes á sesión.

No seu escrito de renuncia, con referencias a Marcial Suárez ou Uxío Novoneyra, o veterano nacionalista insistiu en que "a política merece a pena" e aludiu ao orgullo local que fixo posible que Allariz sexa un referente para Galicia. García, que en varias ocasións sinalou que seguirá traballando polo seu pobo, subliñou a súa satisfacción e confianza plena porque o municipio queda en mans dunha muller loitadora, traballadora e con gran capacidade de liderado como é Cristina Cid. 

"Non che caiba dúbida de que vas ser unha gran alcaldesa", díxolle á que foi o seu tenente de alcalde e a quen sorprendeu obsequiándoa cunha carteira de coiro made in Allariz e a camisa de gala dos "homes do sedeño", seguindo unha tradición local entre os presidentes da Corporación. Non se esqueceu no seu discurso do seu outro bastión, o incansable e voluntarioso Bernardo Varela, con quen se fundiu nun sentido abrazo nada máis finalizar a sesión.

Facendo gala do seu sentido do humor, e para afastarse tamén da emoción, García bromeou coa dobre marcha na vila neste 2018, a súa e a de o párroco don José, e, seguindo os ditados do secretario municipal, deu conta da súa renuncia "pero sen votar, non vaia a ser...". 

Antes de que Cristina Cid dese por concluída a sesión, desde a oposición tanto Luz Doporto (PP) como  Zaida Rodríguez (PSOE) agradeceron a dedicación e entrega do nacionalista e desexáronlle boa sorte nesta nova etapa. Ánimo e adiante, Paco!

Te puede interesar