REPORTAJE

Dous anos partidos por un raio

EEW
photo_camera Alfonso Vila amosa o tronco do castiñeiro partido por mor dun raio

A noite do pasado 3 de setembro, un raio partiu unha das obras escultóricas de Alfonso Vila: un tronco de castiñeiro da súa finca no 
que traballou durante dous anos e no que plasmou centos de rostros humanos. 

A finca privada de Alfonso Vila en Maceda semella un espazo artístico expositivo. As numerosas pezas de madeira e de ferro que saúdan ao visitante son da súa propia autoría, unha afición que se convertiu en paixón co paso do tempo. Na marxe dereita, un tronco de castiñeiro amosa unha gran fendidura, causada por un raio que caeu durante a tarde do pasado tres de setembro. "A miña muller e eu estabamos fóra durante a treboada e cando volvimos á casa, isto xa estaba así", explica Vila. "Eu collín unha chorera tremenda, aínda que foi sorte non estar aquí cando pasou", engade. Comezou a traballar nesta peza no ano 2013, para rematala no 2016. "Pero levaba pensando en tallalo dende o ano 1993, cando coloquei o tronco seco na finca", comenta o autor. "Aínda non recollín os restos, porque non sei que facer con eles", sinala. A súa familia anímao a restaurar a obra, na que invertiu tanto tempo como esforzo. Dende a súa xubilación, Vila comezou a adicarse á escultura, a pesar de que nunca se formou nesa disciplina, se non que aprendeu de forma autodidacta e a base de experimentar coa madeira e co ferro. Das tallas aproveita todo o espazo útil, polo que aconsella ao espectador mirar con detalle cada unha das obras.


O drama da emigración


Nas súas pezas recoñécense centos de rostros humanos que se arremolinan na superficie. "Mentres traballo non penso no que estou facendo, métome dentro da escultura e vou atopando cousas, é despois cando me pregunto que hai detrás", comenta. Alfonso Vila, que viviu gran parte da súa vida emigrado na cidade de Vitoria (País Vasco), considera que é o drama da emigración o que se agocha tras as miradas dos protagonistas das súas creacións. "Por aí vin moitas cousas. Vin moitas caras tristes que miraban coma se fosen a meterse entre as tinieblas, miradas de xente totalmente perdida", describe o escultor. Entre os recordos daqueles anos, ten unha imaxe gravada da memoria: "Un tren na fronteira entre Irún e Hendaia, cheo de persoas apelotonadas nos vagóns". O creador afirma que é pola noite cando máis se inspira, e que nunca esquece dos proxectos que visualiza a noite anterior. "Teño moitísimas ideas na cabeza. Teño traballo ata o ano 2300!", bromea.

Te puede interesar