EVENTO - CULTURA

O festival de debuxo converte a Allariz na capital da ilustración

A segunda edición do certame "Allariz Debuxado" continuará este sábado na praza Torre Lombarda

O Fogar dos Maiores de Allariz converteuse onte na capital galega da ilustración con motivo da xornada inaugural da segunda edición do festival da arte da ilustración "Allariz Debuxado", organizado polo Concello de Allariz, as escolas de Ilustración Antonio Faílde de Ourense e Pablo Picasso da Coruña, as librarías Aira das Letras e Maruxairas, Aira editorial, Espazo BenComún, Galería Circular e Punto e Coma.

Estudantes de debuxo, profesionais do sector e público en xeral achegáronse ata a vila do Arnoia para participar no encontro que "consolídase como referente no eido cultural, coa participación de algunhas das figuras a nivel galego e estatal", recoñecía César Lorenzo Gil, director da recentemente constituída Aira editorial, encargado de inaugurar o encontro.

A pesares de levar só dous edicións, Lorenzo Gil subliñou que "o festival esta consolidado" e que é unha consecuencia da grande actividade cultural no sector privado que, nos últimos tempos, xerouse en Allariz. Asemade, destacou a importancia de que as novas xeracións de debuxantes e ilustradores vinculen Allariz como un lugar de formación e inspiración, en definitiva, como un destino cultural.


Relatorios e mesas redondas


A conferencia inaugural correu a cargo de Celsius Pictor, un ourensán que leva 15 anos en Madrid, que tratou de explicar o seu traballo e a súa pericia profesional a través da conferencia "Ilustrareino todo". Unha pequena mostra da obra do ilustrador, cuxas raíces familiares están no concello de Nogueira de Ramuín, poderanse ver todo o mes na Galería Circular a través de "As doce probas de Heracles".

Pola tarde, a quenda foi para a mesa redonda "A aventura de publicar o primeiro libro" da man de Jorge Campos, Mariana Aravena, Lidia Nokonoko, Xulia Pisón e Sonia García Vidal. Mentras que María Pascual de la Torre protagonizou a conferencia "De ¿Dónde están mis gafas? a ¡Malacatú!". O peche da xornada trasladouse, pola noite ao café cultural Roi Xordo, co concerto do polifacético Víctor Coyote.


Quince expositores na feira da creación


Hoxe sábado o programa continuará co relatorio "Traballos por aspersión" de Víctor Coyote  (11,00 horas) e "Calles contadas" de Juan Berrio (18,00) no Fogar dos Maiores. O groso da xornada de hoxe trasladarase a praza da Torre Lombarda. "É un espazo moi interesante que creemos que está subexplotado", sinalou Lorenzo, quen apuntou como a apertura do Espazo Ben Común permitirá facer cousas novas na zona. No día de hoxe, a praza acollerá a "I Feira da Creación de Allariz", con máis de 15 expositores de ilustración, cómic, deseño e obxecto bonito. "Moitas veces no inverno non sabemos onde ir, penso que esta feira é unha proposta interesante", animaba Lorenzo sobre o evento previsto de 12,00 a 18,00 horas. Asemade, no Espazo BenComún haberá presentacións, teatro e música como actividades paralelas á feira.

Te puede interesar