"Os mozos valoran ter un espazo propio, cóidano e intentan melloralo"

luciaapariciocastro_result
photo_camera Lucía Aparicio é unha das responsables da Casa da Mocidade de Allariz.

Uns 80 mozos acuden, ao longo do ano de maneira regular, ás actividades de dinamización e información para a xuventude que se desenvolven na Casa da Mocidade de Allariz

O espazo, ademáis de unha oficina de información xuvenil, conta con espazos de ocio, locais de ensaio para músicos, aula de informática e mesmo as instalación de Radio Allariz, onde participan persoas de tódalas idades. Recién estreada nova programación, a Casa da Mocidade espera superar a barreira dos 100 usuarios no vindeiro mes de agosto.

Cales son os obxectivos desta nova etapa na Casa da Mocidade?

O obxectivo desta etapa é consolidar a Casa da Mocidade como espazo de referencia para o público mozo da vila, fomentando un tipo de lecer saudable e activo. Tamén se impulsan ás accións relacionadas coa mellora da empregabilidade e con uso das TIC.

Que tipo de oferta deseñouse?

A oferta prevista para a tempada estival é moi variada, porque queremos atraer ó público xuvenil en xeral, que vai dende os 13 anos ata os 35, polo que as actividades programadas teñen que ver coa música, baile, artes escénicas, deporte, voluntariado, igualdade, coñecemento do patrimonio de Allariz, emprego, radio e os xogos de toda a vida, nos que a capacidade de pensar como equipo, reflexionar ou ter unha estratexia se desenvolve ao mesmo tempo que se pasa un rato divertido. A idea é que os rapaces e rapazas levanten a mirada do móbil e descubran outras formas de divertirse, aínda que tamén temos previsto realizar actividades nas que se fomente o uso responsable das redes sociais.

Que papel xogaron os rapaces na planificación desas actividades?

Antes de comezar esta nova etapa realizouse un estudo no instituto de Allariz, no que os rapaces e rapazas deron a súa opinión sobre o uso do recurso e fixeron propostas moi interesantes. Na primeira semana de xullo falamos moito con eles e creouse un espazo no que facer propostas e aprender a programalas e levalas a cabo, acompañados das tres persoas que traballamos na Casa da Mocidade. Valoraron moi positivamente ser os protagonistas das actividades dende a fase de deseño, e case cada día achéganse á oficina para propoñer actividades o preguntar.

É necesario a existencia deste punto de reunión e lecer para os mozos? 

Os mozos e mozas valoran moito ter un espazo que valoran como propio, e na medida en que se identifican co espazo, cóidano e intentan que se mellore. Xunto coa ampla oferta cultural e de lecer da vila, a Casa da Mocidade é un recurso moi necesario para que os máis xóvenes se desenvolvan nun ambiente sano e no que os valores de respeto, igualdade e convivencia están moi presentes. O feito de que se amplie o tipo de actividades fai que haxa maior diversidade no perfil de xóvenes que acuden á Casa da Mocidade, tanto en idade como en xénero, aspecto que engade valor ao recurso. 

Te puede interesar