ENTREVISTA

Lionel Rexes: "Si un neno medra vendo patróns machistas, é moi probable que os repita"

lionelrexes2_result
photo_camera Lionel Rexes presentará hoxe a súa primeira novela en Allariz.

"A raíña das velutinas" é a primeira novela de ficción do veciño da Mariña Lucense, Lionel Rexes. Unha historia, que mereceu o premio Manuel Lueiro Rey do Grove (Pontevedra) e que este xoves ás 20,30 horas se presentará na Galería Circular de Allariz

"A raíña das velutinas" é a primeira novela de ficción do veciño da Mariña Lucense, Lionel Rexes. Unha historia, que mereceu o premio Manuel Lueiro Rey do Grove (Pontevedra) e que hoxe ás 20,30 horas se presentará na Galería Circular de Allariz. 

Por que escolleu Allariz como lugar para a presentación en Ourense da súa primeira novela?

Teño uns amigos na provincia que son os que me están organizando as presentacións en Allariz e tamén na cidade, as cales afronto con moita ilusión e tamén como un reto. De momento, todos os actos que fixen foron na Mariña ou na provincia de Lugo, localidades onde teño moitos amigos e coñecidos. Neste caso, Allariz é unha vila onde non coñezo a ninguén e ninguén me coñece a min, así que será todo un reto.

Como definiría a novela?

"A raíña das velutinas" é unha novela de ficción, pero naceu dun feito real que ocorreu no verán do 2016, cando participei nunha xornada sobre guerrilleiros nunha casa de turismo rural en Mondoñedo. Aquel encontro, ao que asistiron 60 persoas as cales a organización invitou chamando unha por unha, non apareceu en ningún medio de comunicación e xa iso me pareceu moi novelesco. Alí coñecín a persoas vinculadas coas guerrillas ou represaliadas na Guerra Civil, visitamos lugares onde estiveran... Ao volver a casa díxenme que aquilo merecía unha novela.

Cal é o obxectivo deste libro?

Realmente non se trata dunha novela sobre a Guerra Civil. Se desenvolve na época actual, aínda que con varios episodios sobre aquela época. O que pretende ser este libro é unha homenaxe a todas as persoas que sofren unha represión pola súa ideoloxía. 

Considera vostede que na actualidade aínda hai represión?

Na situación que se viviu en Cataluña o 1 de outubro pasado, houbo represión. Tamén na violencia de xénero. A sociedade está tan pouco formada e educada que, ao contrario do que pensabamos, o machismo está medrando. 

Como se pode combater?

Coa educación. É fundamental educar aos nosos cativos, non só nos centros de ensino, senón tamén nos fogares. Porque si un neno medra vendo patróns machistas, é moi probable que os acabe repetindo.

Quen é a raíña das velutinas?

Iso non podo desvelalo! É o miolo da novela e, de facelo, acabaría con toda a intriga. Solo adiantarei que é una persoa real e moi importante a nivel estatal.

Vostede adícase ao ensino e ao turismo, como chegou á literatura?

Eu levo moitos anos escribindo. Comezou como lecer, pero hoxe en día diría que é case unha profesión. Teño empregos temporais, así que dispoño de bastante tempo libre. Esta é a miña primeira novela de ficción, pero teño feito pequenas publicacións coma "Ditos e refráns do Valadouro". Agora estou por rematar unha nova novela relacionada con movemento poético dos séculos XIX e XX da Escola Poética do Seminario de Mondoñedo.

Te puede interesar